Pleno da María Sarmiento na Abau e notas moi altas no IES Ribadeo

Jóvenes realizando la selectividad. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ
photo_camera Alumnos realizando a selectividade en Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ (ARQUIVO)

A semana pasada coñecéronse os resultados da Abau. No IES María Sarmiento de Viveiro están moi satisfeitos, tras lograr que aprobasen os 39 alumnos que se presentaron. No IES Ribadeo Dionisio Gamallo, satisfacción tamén tras ter un só suspenso pero con cinco alumnos por enriba do 9,5.

Un dos xefes de estudo da María Sarmiento, Ramón Cajoto, xunto con Manuel Fernández López, destacou que no seu caso "somos un dos centros da Mariña que máis alumnos presentamos e é un éxito que aprobasen o cento por cento". Apuntou que no centro vivariense "outros anos tivemos máis do 90%, pero sempre suspendía alguén", remarca. Sobre as claves para conseguir este éxito, destaca que "os alumnos son os que estudan, pero tamén hai que apuntar á calidade do noso profesorado", sinala.

Xunto a esta excelente noticia, hai tamén seis alumnos que conseguiron máis dun nove na nota final da parte xeral, o que fará que reciban un recoñecemento por parte da Xunta. Trátase de Lucía Canoura Quirce, Mireira Fernández Díaz, Lucía Prieto Ramudo, Lara Rodríguez Racamán, Atenea Suárez Rivas e Xoel Trasancos Rivas.

Os alumnos de segundo de Bacharelato do instituto María Sarmiento celebrarán a súa gradación este xoves no restaurante Louzao situado en Area, onde tras o acto en si gozarán dunha comida no mesmo establecemento.

RIBADEO. O IES Ribadeo Dionisio Gamallo expresou igualmente a súa satisfacción polo resultado da Abau, na que só un dos 38 alumnos do centro que acudiron non aprobou. As súas notas foron moi altas e, de feito, cinco dos mozos conseguiron superar a proba con máis dun 9,5.

Foron concretamente Javier Pérez Vargas con 9,58 e unha ponderación de 13,53; Juan López Acebo con 9,53 e unha ponderación similar; Violeta Carrero Isla con 9,55 e unha ponderación de 13,45 e Ainhoa Baldonedo Vila con 9,53 e unha ponderación de 13,03.

Estes alumnos e alumnas participarán o xoves no acto da USC do programa A Ponte entre o ensino medio e a USC.

A directora do IES Ribadeo Dionisio Gamallo, Susi Besteiro, mostrou a súa satisfacción polo nivel conseguido neste ano e transmitiu os seus parabéns e a do resto do profesorado ao alumnado.

Comentarios