A plataforma denuncia a perda de Reumatoloxía en Burela e o Sergas négao

Sanidade di que se desprazan especialistas ata que se cubra a vacante en decembro
2020111211374999121
photo_camera Hospital Público da Mariña, en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou este mércores que o hospital perdera o servizo de Reumatoloxía ao trasladarse ao Hula a reumatóloga do centro que "de momento se está a desprazar os luns á Mariña a pasar consulta". Con todo desde o Sergas negaron este extremo e explican que a especialista participou nun concurso para ocupar unha praza de interinidade en Lugo e que xa está en marcha o proceso para incorporar un novo especialista ao servizo co que esperan contar o próximo mes de decembro, "malia as dificultades que supón atopar especialistas para determinados servizos".

"Mentres tanto salientar que neste mes séguese a prestar atención reumatolóxica no Hospital Público da Mariña, xa que a xerencia da área sanitaria está a desprazar especialistas a este centro hospitalario para atender a demanda existente", engade o Sergas.

A plataforma recordou na súa denuncia que a existencia dunha soa especialista para atender toda a poboación da comarca era insuficiente. "Desde este colectivo sanitario denunciouse en reiteradas ocasións que era de todo insuficiente e que se precisarían dúas profesionais para que a poboación estivese minimamente atendida. Agora coa marcha da reumatóloga para Lugo quedamos nunha situación caótica, xa que o feito de que só estea un día á semana semella unha tomadura de pelo para mariñás e mariñaos".

O colectivo asegura que hai pacientes "sen ver" desde 2017 e a consellería, que a lista de espera é inferior a 30 días

Desde o colectivo tamén lamentan que existen pacientes "sen ver" desde o ano 2017. "Este tempo de agarda é inadmisible e mesmo incumpre toda a normativa e leis de garantías, tanto se están en listas de agarda oficiais coma nas listas non estructurais", asegura a coordinadora do colectivo, Montse Porteiro. Neste sentido o portavoz do colectivo Víctor Vila insiste en que tiñan "razón cando advertiamos da perda de servizos que suporía a eliminación da área sanitaria e que os máis e mellores servizos que profetizaba o entón delegado da Xunta non son máis cunha falacia".

En contraposición desde o Sergas insisten en que Reumatoloxía segue na carteira de servizos do hospital mariñán e tamén negan que exista a lista de espera que denuncia a plataforma. "A día de hoxe a demora para unha primeira consulta en Reumatoloxía é inferior a 30 días", din.

Ademais subliñan que o compromiso do Goberno galego co centro "é evidente". Así, citan o investimento de máis de trece millóns de euros na primeira fase da reforma do centro que permitiu mellorar as instalacións e o equipamento do centro.

Ademais recordan os quince millóns de euros que se investirán para iniciar a segunda fase das melloras "que permitirá volver incrementar a superficie do hospital, acadando a súa ampliación completa e remodelación definitiva, co que os habitantes deste distrito contarán cun centro practicamente novo e adaptado ás súas necesidades".

Comentarios