A planta de salmón proxectada en Burela xerará máis de sesenta empregos

As instalacións ocuparán uns 25.000 metros cadrados no polígono portuario do Berbés e as previsións da empresa apuntan a que estea en funcionamento o próximo verán
berbésint
photo_camera Polígono do Berbés, no porto de Burela. D.V.

A planta de salmóns que unha firma norueguesa está interesada en instalar no polígono industrial do Berbés, no porto de Burela, xeraría entre sesenta e setenta postos de traballo. Adiantouno este venres o alcalde, Alfredo Llano, despois do encontro mantido con responsables da firma no que estiveron a falar de diferentes características técnicas relativas ao proxecto.

Segundo os primeiros datos facilitados polo rexedor, a planta ocupará uns 25.000 metros cadrados de superficie e suporá un investimento de entre 36 e 40 millóns de euros. A capacidade de produción da planta será de tres millóns de quilos ao ano e comercializará exemplares que pesarán entre os cinco e os seis quilos.

"Agora mesmo a firma atópase traballando nos trámites a través dos organismos competentes —Portos de Galicia, Augas de Galicia ou Costas— para ir apurando e vendo a mellor maneira de poder instalar esta factoría", explica o alcalde, que adianta que as previsións da empresa apuntan a que podería empezar a funcionar en xullo de 2021

Neste sentido, Llano destacou que se trata "dun proxecto interesante e no Concello facilitaremos todo o que sexa bo para Burela" e indicou que a elección desta localidade para a implantación desta planta debeuse a que os responsables da firma consideraron que era unha boa localización para unha empresa destas características.

"Neste encontro tamén estivemos falando da necesidade de auga e de enerxía e tamén nos adiantaron que contarán con empresas da zona para complementar certa distribución e algunha parte do tratamento do salmón", asegurou o rexedor. 

Llano insistiu en que o Concello facilitará "ao máximo posible que tanto esta empresa como calquera outra se poida asentar no municipio para que haxa actividade social e económica". 

Máis en A Mariña
Comentarios