A pista de pádel de San Miguel pecha por perigosa

A arquitecta local dixo que non puido controlar a obra, que fixo o PP
Pista multideporte de San Miguel. P.V.
photo_camera Pista multideporte de San Miguel. P.V.

A pista multideporte de San Miguel de Reinante, dedicada ao pádel, atópase pechada debido ao perigo dalgúns elementos que se atopan soltos e supoñen unha ameaza para os usuarios. A situación desta infraestrutura foi detallada nun informe da arquitecta municipal que a alcaldesa leu nun pleno celebrado o martes para contestar a unha pregunta do Partido Popular sobre os motivos de que dita pista estea pechada. Trátase dunha obra realizada durante o goberno dos populares.

No informe redactado pola arquitecta municipal, esta indica que en ningún momento se fixo unha acta de reformulo da obra porque non tivo acceso ao proxecto da mesma e engadiu que tampouco puido certificar a cimentación da construción. O informe, moi duro a nivel técnico, indica que os problemas que ten agora mesmo esa pista e que impiden utilizala, a xuízo da arquitecta municipal, "non se debe á execución, senón ao proxecto en si" para o que ademais asegura que lle faltou información cando o executou o goberno de Alfonso Fuente.

Entre eses problemas para a seguridade atópase unha deformación da cuberta así como o mal estado do céspede ata un punto que impediría a súa utilización por parte dos usuarios.

Ante esa situación, a alcaldesa, Ana Ermida, indicou ao portavoz dos populares, José Manuel Gómez Puente, que non permitirá que esa pista se utilice por seguridade e reprochou ao seu grupo admitir unha obra desas características aínda coñecendo as particularidades que lles expuxo a arquitecta municipal.

EDAR. Na sesión plenaria abordouse de novo a cuestión da construción dunha depuradora en San Miguel por mor dunha moción do PP. O seu portavoz, José Manuel Gómez Puente, insistiu na necesidade de dirixirse a outras administracións para completar o que poría a Xunta e o resto de grupos reprocháronlle as intervencións que tivo durante moitos anos anunciando unha obra que nunca se fixo. Puente chegou a recoñecelo como un fracaso.

Comentarios