Pescadores din que a xeolocalización suporá máis gastos para as lanchas

A moral da flota doutras artes distintas ao arrastre e o cerco tamén é baixa nesta época, porque se pescou pouca xarda e os ingresos dos naseiros co polbo reducíronse

Lanchas de Burela durante la concentración del viernes. D.V
photo_camera Lanchas de Burela durante a concentración do venres. D.V.

"Vai ser un gasto máis que non nos vai servir para nada", explican pescadores de baixura sobre a modificación do regulamento de control de flota co que a UE pretende xeolocalizar as pequenas embarcacións e remitir datos de captura antes do desembarque. Afectará incluso aos mariscadores a pé, entre os que se atopan os percebeiros. 

Das fachadas das confrarías seguen pendurando as pancartas coa mensaxe "somos pescadores, non delincuentes", pero mariñeiros consultados cren que esa sensación xa se trasluce á vista do incremento de vixilancia por parte da Xunta, Garda Civil e inspectores comunitarios. "Nunca tantos vin coma este ano coa xarda", sinala un pescador. Opina que a presión en portos asturianos e outros do Cantábrico é moito menor. 

"Agora xa apuntamos no libro —explican— o peixe que capturamos". Aumentar a faena a bordo en embarcacións con tripulacións de un, dous ou tres mariñeiros causa malestar entre os pescadores e din que ademais "traerá máis gastos de mantemento e pasará como cando viñeron coas taxas dos faros e pola recollida de aceites, dixeron que só ían ser seis ou sete euros pero hoxe estamos a pagar de sesenta a setenta". 

Tras as concentracións e paros de lanchas do venres nos portos, o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira sinalou: "Entendemos que esta loita non acaba aquí, temos que confiar na cordura dos tríglodos e na capacidade dos nosos eurodeputados para captar a realidade da flota e a defensa dos nosos intereses". 

A situación dos pescadores de baixura é nestes momentos de desánimo, pola mala campaña da xarda, a escaseza de capturas de polbo ou as limitacións dunha costeira do bonito que moitos xulgan que "para Burela acabouse". "Este ano a pesca do polbo foi un desastre, con 15 ou 20 quilos non defendes; agora está en veda pero en Asturias paran medio ano e tampouco o hai, e tivemos anos de parar pescando 70 ou 80 quilos diarios para volver e non haber nada", lamentan.

Pésima campaña | O "capote" da xarda no fondo 
A moral da baixura é baixa pola pésima campaña da xarda. O arrastre e o cerco si o capturan e houbo grandes bancos na Mariña pero a arte do anzol apenas o pescou, consumindo apenas o 52%: "En Burela só 4 ou 5 colleron a cota, tiñamos 13.000 quilos e pillamos mil e pico". 

Motivos 
O comportamento anómalo da xarda dise que é porque se cebou coa anchoa e os bancos quedaron no fondo. A Secretaría Xeral de Pesca xa aboliu as normas que establecían a obrigatoriedade de pescar o 80% da cota para ter dereito en 2022. 

20.000 euros 
Ingresos mínimos do anzol en 2020 con dous homes a bordo. Este ano reducíronse moito.

Máis en A Mariña
Comentarios