A pescada de Burela paséase polos autobuses de Madrid

Unha campaña da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo promociona o peixe burelense en buses, marquesiñas e prazas de abastos madrileñas
Campaña en un autobús madrileño. TWITTER
photo_camera Campaña nun autobús madrileño. TWITTER

A Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo iniciou en autobuses e prazas de abastos de Madrid unha campaña nacional para promocionar a pescada de petisco do porto de Burela en autobuses, marquesiñas e prazas de abastos.

A campaña Pescada a pescada, en colaboración cos armadores de Burela, ten como obxectivo enxalzar a calidade e o esforzo que hai detrás da extracción deste tipo de peixe, capturado artesanalmente, anzol a anzol, segundo informou a OPP-Lugo, nun comunicado.

Inclúe promocións nas traseiras e laterais das liñas de autobuses urbanos que conectan as principais prazas e mercados de abastos da cidade, accións divulgativas e publicitarias nos mercados tradicionais e con medios en internet.

O obxectivo é tamén pór en valor a forma de vida das familias que viven da mar en Burela, onde conviven máis de 40 nacionalidades unidas por esta pesca artesanal, segundo os organizadores.

"A pescada de Burela é capturada de forma individual, unha a unha, con anzol, un arte de pesca sostible e artesanal na que o peixe non sofre ningún dano e a súa carne conserva todas as súas calidades, achegando os maiores beneficios para a saúde e o mellor sabor para o noso padal; e respectando o maior nivel de sustentabilidade", de acordo coa OPP-Lugo.

A acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

Comentarios