O persoal de Muebles Hermida acepta o Erte e pide axilidade na súa aplicación

"Mentres non se aprobe definitivamente non cobraremos nada neste mes de xaneiro", explicou Manuel Franco, o presidente do comité de empresa
Muebles Hermida.AMA
photo_camera Mobles Hermida.AMA

Cunha porcentaxe superior ao sesenta por cento -59 a favor, 28 en contra e 5 votos en branco-  o persoal de Muebles Herrmida acordou este martes aceptar o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte), que afectará á totalidade do persoal durante un máximo de nove meses.

Durante este tempo, os traballadores cobrarán un subsidio por desemprego, polo que desde o comité de empresa facíase este martes un chamamento á axilidade para que poida aplicarse canto antes, pois "mentres non se aprobe definitivamente non cobraremos nada neste mes de xaneiro", explicou Manuel Franco, o presidente do comité de empresa, quen cre que empezar a consumir o paro estaría detrás do elevado voto negativo de máis dun 25 % do persoal.

Uns traballadores que non se incorporarán o luns ao traballo, tal e como estaba previsto tras as vacacións do Nadal, pois "non hai traballo, nin pedidos nin material", polo que se lles dará un permiso ata que está definitivamente aprobado o Erte, para o que é necesario agora abrir un período de consultas.

Comentarios