O persoal de Maessa esixe melloras salariais no novo convenio

Avanzan que organizarán paros se non logran un acordo na negociación do novo pacto de empresa

Os traballadores da auxiliar de Alcoa Maessa informan do seu rexeitamento unánime á oferta que lles fixo a dirección na negociación do novo pacto de empresa e avanzan que organizarán paros se non logran un acordo. Entre as súas demandas están melloras salariais.

"A oferta da empresa está moi lonxe da meta á que se quere chegar este ano", din os representantes dos traballadores, que aseguran que hai operarios doutras empresas que cobran por desempeñar o mesmo traballo "máis de 4.000 euros anuais que os de Maessa", ou que "un oficial doutras auxiliares cobra máis que un soldador homologado oficial de primeira en Maessa".

O persoal desta auxiliar, formada por 44 traballadores e que realiza o mantemento mecánico no departamento de precipitación de Alcoa, denuncia doutra banda "que se seguen facendo xornadas de máis de doce horas, logo de notificarllo á dirección da empresa, e que se planifican quendas a doce horas", segundo trasladan os representantes sindicais, de UXT.

Comentarios