A perda da oficina bancaria súmase á do Caiss e mutua en Celeiro

O portavoz do PP comparte as reclamacións veciñais e cre que o peche aumentará as colas na sucursal de Viveiro
oficina Abanca en Celeiro.X.L. (2)
photo_camera Oficina de Abanca en Celeiro. X.L.

A veciñanza de Celeiro segue solicitando firmas contra o peche da oficina bancaria de Abanca, cuxos plans son deixar unicamente un caixeiro no local. Á perda do servizo actual, que tivo gran relevancia co auxe da pesca, únese o temor pola ameaza do traslado que se cerne tamén sobre a oficina da mutua de accidentes, que tamén creceu baixo o paraugas do sector pesqueiro e que podería recolocarse en Cantarrana.

O descontento veciñal e entre as organizacións pesqueiras —a Confraría Santiago Apóstolo atópase a escasos metros destes servizos—, crece unha vez que tamén está máis próximo o traslado das oficinas comarcais do Centro de Atención e Información da Seguridade Social, situadas na Casa do Mar de Celeiro, ao novo edificio que o Ministerio de Traballo constrúe en Viveiro.

A molestia de manexarse co caixeiro automático ou ter que desprazarse a Viveiro eran cuestión de debate este mércores en Celeiro, onde se recolleron polo menos 500 firmas e cuxa poboación está moi envellecida.

O portavoz do PP en Viveiro, Óscar Rodríguez, expresou a súa "rotunda oposición a esta medida de peche, sumámonos á reclamación veciñal para que a entidade reconsidere esta decisión". O PP recorda que os servizos bancarios son parte fundamental para fixar poboación e recorda que Celeiro chegou a contar con tres entidades bancarias.

"Non é admisible a decisión, tomada de forma totalmente unilateral e baseada unicamente en consideracións económicas", dixo Rodríguez. Cre que se pecha a oficina de Celeiro "aumentarán as colas na de Viveiro e os maiores terán máis dificultade para ser atendidos".

Comentarios