Un pequeno respiro para Sargadelos

Os empregados da fábrica cervense falan sobre como viviron os últimos 30 días tras o anuncio de 49 despedimentos realizado pola dirección da planta

Asamblea de los trabajadores de Sargadelos. IRIA L.V.
photo_camera Asemblea dos traballadores de Sargadelos. IRIA L.V.

Calma relativa é a que agora se vive no seo de Sargadelos tras case un mes de tensión que, aínda que non está finalizada, si permite ter un certo alivio aos traballadores da planta cervense, que viron neste período como 24 compañeiros foron despedidos aludindo a empresa que non podía seguir realizando a súa actividade con normalidade debido " presión sindical". Aínda estaban previstos 25 despedimentos máis, pero estes non se van a executar, segundo sinalou o conselleiro delegado da firma, Segismundo García.

O futuro da fábrica segue no aire debido ao conflito existente con UXT pero a situación do persoal é mellor que hai un mes

O motivo deste cambio de rumbo débese a que os traballadores cesaron á delegada sindical de UXT, Rogelia Mariña, do seu cargo. Este era un requisito ineludible para Sargadelos para dar marcha atrás na súa política de despedimentos. Son moitas as voces que sinalan que os traballadores cederon ás presións do accionista maioritario. O persoal, con todo, tan só quere que a deixen traballar con tranquilidade e prefire afastarse de calquera conflito entre dirección de empresa e sindicatos. O que está claro é que son os empregados os que sufriron en primeira persoa o peso da espada de Damocles sobre as súas cabezas e, aínda que o futuro da fábrica segue no aire porque o conflito con UXT está vivo, polo menos desde hai uns días respírase con certo alivio en Sargadelos, unha planta da que dependen economicamente preto de cen familias mariñás.

"Sen dúbida quitámonos un peso de enriba. Cremos que o cesamento da delegada sindical mellora o ambiente de traballo e favorece ao conxunto de todos os empregados. Agora contamos con que se reincorporen compañeiros que non están e que son necesarios, xa que hai carga de traballo. Sabemos que o proceso non finalizou, pero nós fixemos todo o que está na nosa man por arranxalo. O problema é entre a empresa e o sindicato, non cos empregados, que o único que queremos é que nos deixen traballar con tranquilidade", sinalaron desde o persoal cervense.

"Foi grazas a esa unidade que logramos convocar a asemblea e agora estamos nunha mellor situación para todos", din algúns empregados

ALIVIO. O resultado da asemblea de traballadores que finalizou coa destitución de Rogelia Mariña como delegada sindical foi contundente, con 45 votos a favor fronte a só 12 en contra. A pesar de que foron os propios traballadores os que convocaron o encontro, había "algunha pequena dúbida, máis que polo resultado polo feito de que se fixera oficial xa. Foi un proceso longo dende que pedimos á Lugo a convocatoria da asemblea, logo esta se aprazou para máis adiante e iso sempre xera nerviosismo, inquietude. Agora estamos aliviados e moi contentos", explicaron.

COMPAÑERISMO. Moito se falou tamén durante todo este tempo sobre que había división entre os traballadores respecto de que postura tomar, se apoiar a UXT e á súa delegada sindical nas súas reivindicacións ou ben manterse á marxe de todo este conflito. A pesar da tensión existente, no persoal "sempre fomos unha piña, e a pesares de que todo o que está sucedendo na empresa non é agradable, tamén nos serviu para estar máis unidos. Foi grazas a esa unidade que logramos convocar a asemblea e agora estamos nunha mellor situación para todos", indicaron varios empregados de Sargadelos.

TRABALLO. O anuncio de despedimento de 49 traballadores chegou curiosamente nun momento en que a fábrica "ten carga de traballo porque hai bastante encargos. Agora agardamos que se reincorpore o maior número de compañeiros posible, sobre todo en certas zonas da fábrica onde estamos máis escasos de xente", explicaron.

Comentarios