"Hai unha poboación de lobo moi abundante que deriva da xestión que se fai do territorio"

O biólogo Pedro Alonso investiga dende hai 30 anos a evolución do animal en Galicia ► Os estudos actualizados no norte rexistran 24 grupos do depredador, que tivo un crecemento sostido nos últimos 20 anos e agora a zona "está saturada"
El biólogo Pedro Alonso EP
photo_camera El biólogo Pedro Alonso. EP

O nordeste da Coruña (Eume, Ortegal) e o norte de Lugo, dende o Xistral ata a costa, son a zona de traballo dos investigadores que censan o lobo. Pedro Alonso indica que no 2023 confirmaron os mesmos datos dos últimos anos, cun lixeiro incremento.

Cantas mandas hai na Mariña?

Estudamos toda a área, uns 3.000 quilómetros cadrados, onde temos uns 24 grupos, cada un dos cales ten un número variable de exemplares, de 5 a 7, de 8 a 10 ou de 10 a 12. Varían ao longo do ano. Na primavera son menos numerosos pola dispersión dos lobos novos, mentras que no outono están incorporados os xuvenís.

Aumenta o número?

Leva medrando dende hai 20 anos, aínda que os censos oficiais non rexistraron iso nin houbo interese en descubrir ese fenómeno, pero houbo un crecemento sostido. Agora consideramos que a zona está saturada, hai unha poboación moi abundante, unha densidade moi elevada.

Os lobos móvense dun lado para outro, como os censan?

O lobo móvese por territorios extensos, é difícil contalos. Aplicamos o método naturalista, seguindo rastros, comprobando a existencia de indicios de presenza, como excrementos. Iso dá unha imaxe do nivel de frecuentación de pistas e camiños. Temos puntos de espera, onde observamos a primeira hora da mañá ou a primeira da noite, e ademais de noite fanse escoitas e tamén se utilizan cámaras de seguemento que se activan con sensores de movemento. Estímase a existencia de grupos reproductores ou familiares nunha zona, cunha franxa de sete a dez exemplares por grupo despois dos partos.

Diferencian os exemplares?

Para xente que non ten hábito, un xuvenil é un lobazo, porque non está familiarizada coa morfoloxía, a pelaxe, tamaño ou forma de moverse. Os lobos enfrontan situacións difíciles para sobrevivir, ultimamente padecen doenzas de dermatite ou sarna, iso dá lugar a coxeiras ou cambios faciais. Coas cámaras ás veces pódense diferenciar. Temos que distinguir os reprodutores.

Sobreviven todos os que nacen?

Esa información está restrinxida a determinadas zonas da península. Hai estudos de finais de 1980-90, de camadas capturadas cunha media de cinco cachorros ou sobre cicatrices placentarias das femias cazadas, polas que é posible determinar o número de óvulos e embrións que se implantaron. Temos comprobado que en setembro hai entre tres e sete por camada. Nas zonas con dispoñibilidade de alimento non debería haber mortandade xuvenil.

De seguir medrando, poderían chegar a unha sobrepoboación?

Canto máis baixa sexa a taxa de mortandade, máis posibilidades de incorporarse á poboación reproductora, iso foi o que aconteceu nos últimos 20 anos, descendeu a mortandade e iso está posiblemente relacionado co abandono do medio rural na zona e unha expansión da superficie de matogueiras, eucaliptos e pinos que permiten o refuxo dos grupos de lobos. A transformación dos hábitats dá lugar a que progresen.

Teñen alimento dabondo?

No Ortegal hai moitas aldeas abandonadas, así como se dá un proceso acelerado de abandono, a xente que queda segue mantendo explotacións de vacún, nas serras do Xistral ou Faladoira hai unha poboación abundante de bestas e cabalos bravos, con dispoñibilidade de alimento para o lobo, iso favorece a progresión, e puntualmente tamén hai outras especies como corzo ou porco bravo.

Nas últimas semanas houbo ataques a ovellas ao pé de casas.

Seguramente son lobos que ocupan zonas periféricas que atacan a pequenos rabaños de ovellas que se crian para autoconsumo, ou de grupos con máis poboación onde xa acabaron cos poldros e baixan aos vales e á ribeira para pillar ovellas que son máis fáciles de matar. Se non se aborda iso, conduce á desaparición deses pequenos fatos de ovellas. Aproveitan os recursos dispoñibles, seleccionan as pezas que lles proporcionan máis alimento con menos esforzo para a súa captura, é o que acontece cos poldros, que son unha presa ideal. É así dende hai miles de anos. As bestas tamén son un patrimonio a conservar, están emparentadas coas do Pleistoceno e o Paleolítico, teñen un ADN parecido.

Parece que fai falla algún control.

É preciso control, pero tamén non renunciar a atallar o problema de raíz. A conservación das bestas e a modificación dos hábitats do territorio son dous aspectos que non se poden abandonar, non é só conservación da especie e redución da conflictividade, porque en calquera momento hai unha seca primaveral e empeza a arder o monte, e iso é un problema. A abundancia do lobo vai traer tamén de volta os incendios forestais. Houbo un crecemento da poboación ata un nivel descoñecido, hai unha ocupación moi considerable no norte de Galicia, que é paralela ao aproveitamento que facemos os seres humanos do territorio. No norte de Lugo e o nordeste da Coruña o 95% é superficie forestal de eucalipto ou coníferas, que é imposible que albergue fauna silvestre con capacidade para alimentar unha poboación coma esa. Quédalles ir ao que alberga esa paisaxe, que é o gando. Podemos falar de que hai que controlalo e establecer unha zona, pero tamén é evidente que temos que cambiar a nosa xestión do territorio. Para conservalo hai que facerlle sitio a él e ás súas especies asociadas, pero hai unha falta absoluta de biodiversidade.

Que medidas se poden tomar?

A Administración ten que abordalo con peches ou cans de defensa que poden reducir puntualmente esa depredación. Hai que axudar economicamente para introducir medidas preventivas. A Administración esixe o rexistro gandeiro e debería facilitar a pervivencia deses fatos tradicionais. Máis alá de plans específicos para conservar bestas ou silvícolas, Galicia non ten unha grande extensión e todo depende da existencia de alimento, que é de procedencia rural. Ata que non acabe con todo iso non se vai regular a poboación. Aquí substitúense as pezas para non quedar sen explotación, cobran unha axuda, pero iso non axuda a regular a poboación. O exceso de protección dá lugar ao progreso do furtivismo, ármanlle a guerra.

"As posibilidades de que ataque ás persoas son remotas, non pasa dende hai máis de 50 anos"

Os gandeiros din que se protexe máis ao lobo que ás persoas.

Dá a sensación de que se protexen máis ese tipo de especies e se deixa na estacada á xente do medio rural, porque se promoven outros aproveitamentos, silvícolas intensivos, que non precisan xente.

Podería atacar ás persoas?
Hai pouco tempo mataron persoas en Alaska ou Canadá, en extensións enormes de terreo onde o ser humano é anecdótico. Aquí non sucede dende hai máis de 50 anos, foron nenos que quedaron desatendidos. As posibilidades de que volva acontecer son remotas. Sería interesante facer un seguimiento dos que se achegan ás aldeas. Que a Xunta descoñecese o nivel de poboación é sintomático de que hai despreocupación, é un conflito que se utiliza políticamente, pero non hai interese en resolver. Sen información non se pode.

Queixanse de que matan exemplares e non os comen.

É un rasgo do comportamento do lobo adquirido na época das glaciacións, naquela época era dificilísimo atopar alimento e cando o facían mataban máis, quedaba conxelado e conservábase, polo que botaban man del, pero tamén vén determinado pola abundancia, que estimula a que maten máis do que precisan. É instintivo, unha estratexia para facer fronte á escaseza. Os africanos, lycaon, non teñen esa conducta.

Comentarios