Víctor Nogueiro: "Os patróns do alzhéimer repítense ao inicio pero á larga as complicacións son diferentes"

O neurólogo do Hospital da Costa falará nunha charla en Burela das distintas fases da doenza e da súa evolución

Burela
photo_camera Víctor Nogueiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A enfermidade de alzhéimer é unha doenza neurodexenerativa que se manifesta como deterioro congnitivo e caracterízase pola perda de memoria e doutras capacidades mentais a medida que se van atrofiando diferentes zonas do cerebro. Para abordar esta enfermidade falará o xoves día 26, ás oito da tarde, na antiga biblioteca de Burela o neurólogo do Hospital da Costa Víctor Nogueiro.

A que idade poden darse síntomas da enfermidade?
Depende do tipo de alzhéimer que sexa e se hai herencia xenética ou non. Normalmente a enfermidade adoita debutar entre os 70 e 75 anos.

É unha doenza que se poda detectar de maneira precoz?
Existe algunha mutación coñecida que permite saber si se pode desenvolver a enfermidade e si existe un compoñente hereditario tamén se pode saber antes si a vas desenvolver. Neste caso, si a persoa ten un familiar que desenvolveu a enfermidade aos 60 anos ou antes ten máis posibilidades de padecela el que si ese familiar a desenvolveu con 90. De tódolos xeitos o factor máis claro para desenvolver a doenza é a idade.

Pódese previr ou retrasar a súa aparición?
Non, pero si se sabe que evitando factores como a obesidade ou o tabaquismo e levando un estilo de vida saudable en ambientes menos polucionados as posibilidades de padecer esta doenza son menores, aínda que non hai nada claro sobre todo isto.

Hai algún desencadenante que provoque que a enfermidade empece a avanzar?
Estrictamente non, aínda que algún paciente pode empezar a desenvolver a doenza a raíz de sufrir algunha infección, despois do falcemento dun ser querido ou nun momento no que presente un estado anímico baixo ou depresivo.

Están diferenciadas as distintas fases da doenza?
Si. Hai unha primeira fase leve na que o paciente é totalmente independente aínda que xa presenta esquecementos que chaman a atención. Na segunda fase, os enfermos siguen tendo certa autonomía pero con olvidos xa graves e na terceira fase xa empeza o deterioro cognitivo con afectacións á fala ou á mobilidade.

"Cada caso é distinto, hai pacientes que nun ano sofren un avance moi rápido e outros nos que é máis estabe é dura dez ou quince anos"

A evolución destas fases segue algún parámetro?
A evolución é moi variable. Normalmente dende que se diagnostica a enfermidade ata que se produce o desenlace pasan entre cinco e sete anos. De tódolos xeitos tamén hai pacientes que nun ano teñen unha evolución moi rápida e outros nos que é máis estable e dura ata dez ou quince anos. Ninguén falece polo alzhéimer senón por consecuencias de sufrilo, por exemplo unha infección, por un atragantamento ao perder capacidade de tragar ou por unha caída ao faltar mobilidade. Á hora de iniciar a enfermidade hai patróns que se repiten, pero á larga as complicacións son diferentes.

Cal é a reacción do enfermo cando se lle comunica que padece a enfermidade?
Normalmente non son conscientes de que a teñen. Cando unha persoa consulta por iniciativa propia cando ten esquecementos é porque se trata de esquementos normais. No caso de pacientes de alzheimer son as persoas darredor as que se dan conta destes esquecementos ao seren importantes.

Que consellos lles daría aos familiares destes pacientes?
Que teñan moita paciencia, porque a día de hoxe non hai ningún tratamento efectivo para frear a enfermidade e que estean en ambientes tranquilos. Tamén é importante que non se presionen con preguntas que xa se sabe que non van ser capaces de respostar e, nas primeiras fases, é importante mantelos estimulados para evitar o avance rápido.

Comentarios