A patronal lucense acusa a Alcoa de non facer os investimentos necesarias

"Estamos moi preocupados, pero non moi preocupados agora, estamos preocupados desde hai moito tempo", indica Jaime López
Jaime López. XESÚS PONTE (ARCHIVO)
photo_camera Jaime López. XESÚS PONTE (ARQUIVO)

O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, acusou á multinacional Alcoa de non facer nos últimos anos, de forma deliberada, os investimentos necesarios para modernizar a fábrica de aluminio de San Cibrao porque xa tiña "unha serie de decisións tomadas".

Por iso, neste momento, cando a empresa expón un proceso de despedimento colectivo que podería deixar na rúa a máis de medio milleiro de traballadores da fábrica de aluminio primario, "os intereses dunha multinacional non poden estar por encima dos intereses dunha provincia e dos intereses da xente dunha provincia", segundo López.

"Estamos moi preocupados, pero non moi preocupados agora, estamos preocupados desde hai moito tempo", dixo López en relación coas decisións dos últimos anos da dirección de Alcoa.

Nese sentido, indicou que a patronal lucense "vén avisando desde hai tempo da situación desta multinacional, porque non estaba a facer os investimentos necesarios na mellora e na conservación da propia factoría".

Alcoa "tiña abandonada a situación do porto de San Cibrao, cuxa concesión vence en 2023" e, segundo López, a dirección en España da multinacional estadounidense "non tivo preocupación pola súa renovación", polo que presume que responde a unha estratexia de que xa tiña "unha serie de decisións tomadas".

Comentarios