miércoles. 13.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 13.11.2019
El tiempo

Patrimonio autoriza a remodelación da Praza da Catedral de Mondoñedo

Praza da Catedral en Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AMA)
Praza da Catedral en Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AMA)
A proposta de intervención faraa máis accesible e creará un novo espazo aberto

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, confirmou este xoves que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural informou favorablemente o expediente do proxecto para a remodelación da Praza da Catedral. O equipo de goberno leva varios anos traballando nesta intervención que está presupostada en 258.739 euros e que xa conta tamén coa aprobación provisional do Ministerio de Fomento para incluíla nas partidas do 1,5% cultural. Desta forma, o ministerio achegaría 194.054 euros e o resto do diñeiro, 64.684 euros, procedería de fondos municipais. "Esta concesión é provisional e o ministerio aínda pode modificar parámetros do proxecto", explicou Candia.

A proposta de intervención na praza trata de liquidar os problemas actuais que presenta facéndoa máis accesible e creando un novo espazo aberto no que realizar actividades e no que o peón gañe en protagonismo.

Un dos principais cambios que presentará será a ampliación do cantón grande, recuperando así en parte a estética da praza antes da súa remodelación en 1968. A ampliación realízase desprazando dous metros cara ao centro da praza as escaleiras que salvan o desnivel entre o cantón e a praza. Nun primeiro momento barallouse a opción de repoñer a balaustrada que tivo antes dos cambios dos sesenta, pero finalmente manterase a escalinata pola utilidade que demostra ao funcionar como bancadas ou como asentos para descansar. A ampliación permitirá realizar o último tramo en rampla para conseguir a accesibilidade ao cantón desde a zona sur da praza e tamén se colocará unha varanda no lado norte para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida.

Esta estética permitirá gañar espazo que favorecerá o paseo e a colocación de terrazas dos locais de hostalería.

A outra actuación proposta consiste en adiantar o muro norte, que salva o desnivel entre a praza e o cantón pequeno, 2,5 metros cara á praza para habilitar un paseo superior separando os peóns dos vehículos. Tamén se quitarán da praza a parada de taxis e os colectores de lixo.

Patrimonio autoriza a remodelación da Praza da Catedral de Mondoñedo
Comentarios