viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

A paixón polo antigo moveu a 5.000 persoas na Pontenova

Participantes na feira pontenovesa. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Participantes na feira pontenovesa. JOSÉ Mª ÁLVEZ
A Feira de Artesanía e Antigüidades pechou cun balance positivo para o Concello, que destaca a alta afluencia e as boas vendas

O Concello da Pontenova clausurou este domingo a XIII Feira de Artesanía e Antigüidades cun balance positivo para o seu organizador, o concelleiro Francisco Martínez, que estima nunha "media de 1.500 a 2.000 persoas por día" as que pasaron desde o venres pola carpa situada na Praza dos Fornos na que asentaron os seus postos 60 expositores de distintos puntos de España, Portugal e Francia.

"A pesar de que o domingo pola mañá choveu seguiu habendo unha afluencia importante de xente e os expositores estiveron pechando vendas. O balance é moi positivo", comenta Martínez, quen cita que non só acudiu xente de municipios limítrofes, senón de moitos outros puntos, entre os que recorda un cliente de Ribadavia e outros asistentes de distintas localidades coruñesas.

Entre os que acoden a unha feira deste tipo hai "moita xente que vén esculcar nada máis", pero en xeral péchanse boas vendas e máis ao celebrarse nunha época na que se buscan agasallos para Nadal. "Outra xente vén mercar, buscando unha oportunidade ou algo para agasallar", comenta Francisco Martínez, quen apunta que "o que máis se venden son cousas de colección: moito libro, moita postal, xoguetes, louza ou porcelana", cita.

A feira completouse con demostracións de diferentes oficios tradicionais, como un cesteiro, un zoqueiro, un tear triangular, un torno de madeira, unha forxa de ferro ou traballos en coiro. Ademais acolleu a exposición da colección de instrumentos medievais do Centrade e a IV Xuntanza de Motos e Coches Clásicos, que reuniu a unha trintena de vehículos, con modelos como Seat 600, 127 ou un dos míticos Pontiac, en canto aos coches, e "moitas vespas" nas motos, entre as que tamén había unha Bultaco.

A paixón polo antigo moveu a 5.000 persoas na Pontenova
comentarios