miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

"Pasar dos fogóns a traballar no monte foi unha liberación total"

Laura posando diante dunha das máquinas coas que traballa. LAURA VALLEJO
Laura posando diante dunha das máquinas coas que traballa. LAURA VALLEJO
A meirega Laura Vallejo, a primeira muller operadora forestal na provincia e unha auténtica influencer en Instagram, é a nova imaxe de Trabada na iniciativa que busca promocionar o Camiño

Trabada apostou por un perfil moi fresco para o papel de embaixadora da localidade no Camiño de Santiago, dentro da iniciativa 'O Camiño a bocados' que promove a Asociación de Xoves Emprendedores Lucenses. A encargada de representar ao municipio trabadense é Laura Vallejo (Meira, 1994), unha operaria forestal que causa furor nas redes sociais coas súas fotos mentres traballa no seu medio preferido, o monte. Xa acumula 13.200 seguidores en Instagram na súa conta @lauritavallejo.

Agroinfluencer, operaria forestal, agricultora, gandeira,... Como se define vostede mesma?
Eu creo que é unha mestura de todo, pero principalmente son operaria forestal e gandeira. Despois o de agroinfluencer xa é como me ve algunha xente, pero deixémolo en operaria forestal (ri).

O seu cambio foi radical. Pasou de traballar nos fogóns a facelo no monte.
Si, eu fixen o ciclo medio de Cociña e estiven traballando catro anos en restaurantes de Lugo, pero hai tres anos decidín cambiar.

Creo que non se arrepinte desa decisión.
Non, para nada. Para min foi como unha liberación. A cociña e o monte son mundos totalmente diferentes. Pasei de estar case encerrada a estar todos os días gozando da natureza e ao meu aire.

Ao principio foi difícil?
Non, porque realmente non era algo que me fose descoñecido. Sempre vivín nun pobo pequeno e meu pai tamén fixo cousas relacionadas co tema forestal. O meu rapaz tamén se meteu nese mundo e eu ía vendo o que había.

"Cando me chamaron de Husqvarna para ser imaxe da súa marca en Instagram, pensei se sería unha broma de alguén"

Chegou entón por amor?
Eu sempre digo que foi por casualidade porque, se a miña parella non empezase nisto, seguramente non descubriría que me gustaba tanto, pero é máis poético dicir que foi por amor, si (ri).

En que momento comezou a medrar a súa fama?
Foi a partir de abril do ano pasado, cando me chamou Husqvarna. Aí pegou todo un salto moi grande e no último ano ganei polo menos 9.000 seguidores en Instagram. Foi unha sorpresa que unha empresa así se fixara en min, que só tiña 2.000 seguidores.

Imaxinou algunha vez ser imaxe dunha marca tan potente?
Pois non. A miña primeira reacción foi falar co comercial da Pontenova, onde compraba as máquinas. Pensei se sería unha broma, parecíame surrealista.

Agora dedícalle moito máis tempo ás redes.
Si, si, agora realmente é un traballo máis. Ademais de Husqvarna, empezáronse a interesar máis marcas para que anuncie os seus produtos. Xa teño unha axenda, é todo máis elaborado e fago demostracións e vídeos probando as máquinas. Tamén traballo con Pegaw, unha empresa austríaca.

Que é o que máis lle gusta do seu traballo?
Sobre todo, cortar coa motoserra. Cando te ves capaz de facer un traballo extremo en moitos sentidos, porque eres ti contra algo que pesa moito e pode ser un perigo, a satisfación é enorme.

O monte sempre foi considerado un mundo de homes. Séntese ben tratada por eles?
Recoñezo que ver unha muller causa novidade. Cando vou cos compañeiros hai algún señor que che di se traballas con iso, que é moi duro. Pero logo, cando estás dentro, os compañeiros trátante como unha máis, que é do que se trata. Levamos indo ao monte toda a vida e a min tamén me gusta promocionar o sector forestal e darlle valor ao que levan facendo os homes durante tanto tempo.

Coñece algunha muller máis que se dedique a isto pola zona?
Na provincia non, pero sei doutras dúas en Ourense e en Santiago.

Fóra do monte, quédalle tempo para algunha afección?
Moi pouco porque cando non estou no monte, estou na granxa. Teño a vida moi ligada á aldea. Gústame moito viaxar e unha das últimas saídas que fixemos foi a Suecia para visitar a feira máis importante do noso sector. Cando volva a normalidade, gustaríanos repetir e creo que o imos facer.
 

"Estou encantada de que en Trabada pensasen en min para ser a súa embaixadora"
A chamada para representar a Trabada tamén lle sorprendeu e ilusionou a Laura, "porque é un concello moi ligado ao forestal".

Que lle parece que pensasen en vostede para ser embaixadora?
Foi unha sorpresa e é de agradecer que a xente cercana a ti, como Mayra García [a alcaldesa], valore o teu esforzo, tanto no traballo en si como na divulgación do mesmo nas redes sociais. A verdade é que estou encantada coa proposta.

Sendo de Meira, coñecerá ben Trabada e A Mariña?
Si, claro. Coñezo xente, sobre todo no meu sector, e éme todo familiar. Percorremos case toda Galicia e pola Mariña imos moito.

Que lle gustaría ensinar da zona?
Teño pensado realizar a etapa do Camiño que entra por Ría de Abres e atravesa Trabada. A miña idea é ensinar a oportunidade que nos ofrecen estes pobos para traballar e vivir nunha zona onde se poden aproveitar os recursos da agricultura e do forestal.

"Pasar dos fogóns a traballar no monte foi unha liberación total"
comentarios