Ourol dá axudas de 400 euros para receptores en fogares onde non se ve ben a tele

O goberno municipal de Ourol ofrece axudas de ata 400 euros para que os veciños que viven en lugares nos que non ven ben todas as cadeas de televisión poidan contar con receptores por satélite e insta a que os interesados fagan pronto as súas solicitudes, xa que os gastos subvencionados deben realizarse antes do 14 de maio.

"O equipo de goberno está comprometido con que todos os veciños no concello, independentemente do lugar de residencia, poidan ver todas as canles de televisión en perfectas condicións", di o alcalde, José Luís Pajón, que informa de que está aberto o prazo de solicitude de subvencións para aqueles fogares onde isto non suceda.

Os requisitos principais son estar empadroado desde antes do 1 de outubro de 2018 e acudir a un instalador autorizado dos que figuran na páxina web www.sattdt.es. "A axuda máxima por fogar será de 400 euros e non serán aceptadas as facturas pagadas en efectivo", aclara. Os interesados poden dirixirse ao Concello onde lles axudarán a tramitar a solicitude ou informarse no 982.55.91.09 en horario de mañá.

O crédito dispoñible para esta subvención e a mellora da oferta de canles realizada no reemisor de TDT da Roca, en Xerdiz, a finais do 2016, suman un investimento de 15.000 euros. "Deste xeito os veciños teñen garantido o seu dereito de acceso á información", di Pajón.

Comentarios