Óscar Fernández: "Oficializar a Vía Rexia axudaría a dinamizar as Terras de Miranda"

O enxeñeiro agrónomo pontenovés Óscar Fernández considera que a entrada desta ruta no catálogo do Camiño de Santiago colaboraría coa economía da zona. Manexan documentación que data a existencia da vía, que entra en Galicia pola Pontenova e atravesa Riotorto, en 1240.
O enxeñeiro agrónomo pontenovés Óscar Fernández. EP
photo_camera O enxeñeiro agrónomo pontenovés Óscar Fernández. EP

A VÍA REXIA do Norte pode converterse nunha grande oportunidade para dinamizar e axudar na prosperidade das vilas que atravesa, se se logra a súa oficialización como ruta do Camiño de Santiago. Así o considera o pontenovés Óscar Fernández (O Porriño, 1978), enxeñeiro agrónomo e responsable da empresa Xelda Eido Rural, unha das persoas nas que se apoiaron os concellos galegos e asturianos que toca este sendeiro histórico para iniciar un proxecto co que conseguir esta oficialización. A Vía Rexia pasa por Vegadeo, San Tirso de Abres, A Pontenova, Riotorto, A Pastoriza, Meira, Pol, Castro de Rei e Lugo, onde conflúe co Camiño Primitivo. 

Xa teñen o trazado orixinal desta vía totalmente definido ou aínda queda moito traballo por facer? 
O 90% está definido, pero hai zonas nas que é complicado polas concentracións parcelarias que se fixeron, xa que difuminaron os camiños históricos e xeraron outros novos. Por iso tivemos que utilizar mapas do arquivo histórico pertencentes ao ano 1956 e tamén tiramos do parcelario daquela época. A vía parte entre San Tirso de Abres e Vegadeo, onde se bifurca o Camiño Norte, indo un por Trabada, o que está a día de hoxe oficializado, mentres que este outro acaba entrando en Galicia pola Pontenova. 

Téñeno ben documentado? 
É unha parte do traballo que aínda nos queda por desenvolver para conseguir a oficialización, pero hai un historiador en San Tirso de Abres que o ten todo moi documentado e, polos contactos que mantivemos con el, hai moitísimas máis referencias da peregrinación das que contabamos inicialmente. 

Pódese afirmar sen medo a trabucarse que a Vía Rexia é a ruta máis antiga de peregrinación da provincia de Lugo? 
Si, sen dúbida. De feito, o nome de Vía Rexia provén de que era unha vía de comunicación medieval e suponse que era a que pasaba por aquí. Ademais, crese que esta é a ruta orixinal pola que se facía o Camiño Norte porque o treito de Ribadeo foi unha modificación posterior. O mosteiro cisterciense de Meira estaba vinculado a San Tirso de Abres e a ruta que os unía xa era o camiño natural que facían os peregrinos. Existen referencias datadas aló polo ano 1240. 

É a vía máis antiga de peregrinación que existe en Lugo e unía San Tirso de Abres co mosteiro cisterciense de Meira

Por que cre que se impuxo o outro trazado sobre este? 
Basicamente porque este atravesa núcleos pequenos. No seu momento non houbo ningún concello que apostara por iso, como si o fixeron Vilalba ou Ribadeo. Entón, como estes non tiraron por isto e tiñan menos poboación, a evolución do Camiño fixo que se impuxera a ruta que ía por núcleos de poboación moito máis grandes. 

Aínda sen ser oficial, recibe peregrinos esta Vía Rexia? 
Si, si que hai. Non sabemos moi ben onde se enteraron da súa existencia, pero xa hai referencias na oficina de turismo de Meira de peregrinos que viñeron facendo esta vía. Fíxoo hai pouco un grupo vasco, por exemplo. Antigamente, os peregrinos viñan por ela porque o mosteiro de Meira tiña a obriga de acollelos, polo menos, un par de días e por iso se estendeu a peregrinación pola zona. 

A oficialización sería unha oportunidade para o desenvolvemento das Terras de Miranda? 
Si, sería moi importante. Só hai que fixarse no que supuxo o Camiño Primitivo para a zona da Fonsagrada. Dinamizou moito o territorio, promoveu moitas iniciativas económicas e para unha zona como a nosa é fundamental que o Camiño de Santiago poida complementar toda a oferta xa existente. Máis alá do aloxamento dos peregrinos que pasasen por aquí, tamén afectaría a supermercados, bares e outros negocios. Crearía dinámicas económicas novas para o territorio. 

Se recoñeceran a Vía Rexia e o Camiño do Mar, aumentaría o atractivo turístico da Mariña? 
Si, iso sería impresionante para A Mariña porque creo que se convertería nun paso moi importante para a comarca a nivel turístico.

A implicación dos alcaldes vai ser fundamental para lograr o recoñecemento deste treito

O grande obxectivo era acadar a oficialización da Vía Rexia para o Xacobeo do próximo ano, pero a pandemia ralentizou o proxecto. Chegan xa tarde para o 2021? 
O proxecto iniciouse con esa idea, pero é complicado conseguilo a curto prazo porque a Xunta é moi reticente a oficializar as rutas, xa que todo o mundo quere ter a súa e ten que estar todo moi ben acreditado. Os primeiros contactos foron no ano 2018 e empezamos a traballar en 2019, pero agora mesmo estamos un pouco parados pola pandemia. Estabamos facendo moitas reunións con xente maior polas parroquias e nesta situación é moi arriscado seguir. 

Ven posible conseguilo a medio prazo?
Pois a verdade é que, vendo a documentación que hai e a implicación dos alcaldes, tanto asturianos como galegos, é unha situación óptima. A clave é esta, que os alcaldes están colaborando todos sen ter en conta a cor política.

Comentarios