Os ollos que todo o ven durante o verán

Os socorristas da praia do Torno son un dos exemplos de traballo estival con máis importancia para todos da que adoita dárselle 
Socorristas en O Torno. J. Mª ÁLVEZ
photo_camera Socorristas no Torno. J. Mª ÁLVEZ

A falta de días de praia, e incluso de calor, está a converterse no tema estrela do verán na Mariña, aínda que en realidade tampouco é ningunha novidade. Con todo, esta escaseza de días asollados non impide que os socorristas sigan a pé de praia, iso si, algo máis abrigados do que sería necesario se Lorenzo asomase un dos seus raios pola comarca. Os profesionais da praia do Torno, en San Cibrao, unha das máis seguras do litoral lucense, tanto nos días asollados como nos nubrados, teñen os cinco sentidos en alerta para controlar o que ocorre no areal porque aínda que non haxa sol sempre hai quen non se resiste a baixar á area e incluso a meterse no mar.

Aínda que O Torno sexa unha praia tranquila, non se pode baixar a garda e ademais sempre hai incidencias que atender. "Adoita acudir xente con picaduras de oriegos ou cortes e para o verán tan atípico que estamos a vivir, estamos a atender a bastante xente", apunta unha das socorristas que traballa nesta praia, Yolanda Rodríguez.

"Combinamos a vixilancia estática coa dinámica"

Os días nos que o bo tempo non acompaña, estes socorristas tamén acoden ao seu posto de traballo. Durante estas xornadas de ceos cubertos, teñen que vixiar o paseo que vai polas rocas ata a praia de Limosa e prestar atención "aos catro de sempre que veñen darse o seu baño á mesma hora". Ademais, son moitas as persoas que aproveitan que a praia está baleira para facerse fotos nas rocas da Maruxaina ou da bomba, así como camiñar pola area ou realizar diversas actividades acuáticas.

Este ano, O Torno conta con seis socorristas titulados que se van intercambiando en diferentes quendas. Entre eles, repártense as tarefas de vixilancia. "Uns colocámonos na parte do Torno, outros van cara ao peirao, e un terceiro queda no posto por se acode alguén. Intercalamos a vixilancia estática coa dinámica", explica outro dos socorristas, Daniel Bertolo.

"Atendemos picaduras de peixe araña, cortes e rozaduras"

A organización do equipo é básica. "Organizámonos ben, mantemos os mesmo horarios e cando só estamos dous, un dos que libra vén pola tarde para axudar", sinala Pablo Rupérez, que xa conta con experiencia na vixilancia desta praia. Ademais das tarefas típicas dun vixante, estes mozos están pendentes de que non se fume neste areal, que é libre de fume, e de que a xente recolla o lixo e o deposite nas papeleiras colocadas con ese fin. Desta forma, asegúranse de que o espazo se manteña limpo e contribúen á mellora do medio ambiente.

A estas tarefas súmanse tamén, outra vez este verán, as medidas para evitar os contaxios de covid establecidas pola Administración, nas que o uso da máscara é o que máis quebradizos de cabeza xera entre a poboación. Segundo contan desde o posto de vixilancia do Torno, son moitas as persoas que se achegan para preguntar en que circunstancias lla poden quitar. "Dicímoslles que só é obrigatoria cando non se pode manter a distancia con outros usuarios ou se están con non convivintes. Para o baño e pasear pódese prescindir dela", din Yolanda e Pablo.

"Pregúntannos cando poden estar sen máscara"

Se algo caracteriza o traballo dos socorristas é a atención que deben prestar ao areal. Os seus ollos están preparados para localizar calquera tipo de incidente e acudir no menor tempo posible e así facer que as vacacións dos demais pasen sen sobresaltos. Pero todos temos que axudar e ser prudentes.

Ribadeo, simulacros en tempo real
undefined

Toda experiencia e coñecemento é pouco cando se trata de salvar vidas. Isto é o que levou aos socorristas das praias das Catedrais e As Illas, en Ribadeo, a realizar catro simulacros durante o xoves. Este tipo de actuacións serven para que o persoal estea preparado para facer fronte a unha urxencia real.

4, 10 minutos
Foi a marca que conseguiron nun dos catro simulacros os oito socorristas e tres sanitarios que participaron nestes rescates. Este tempo conseguiuse nun dos operativos realizado nas Catedrais. No resto de actuacións lograron un tempo moi parecido, sendo o máximo de 5 minutos.

Comentarios