O Observatorio da Mariña pola Igualdade gaña o Premio Begoña Caamaño

A Deputación da Coruña destaca o seu traballo continuado para potenciar a igualdade de xénero con impacto directo en diversos ámbitos da sociedade
Xurado do premio Begoña Caamaño. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
photo_camera Xurado do premio Begoña Caamaño. DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Observatorio da Mariña pola Igualdade gañou o Premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña polo seu traballo continuado para potenciar a igualdade de xénero con impacto directo en diversos ámbitos da sociedade, informou a institución provincial.

A multitude de iniciativas e proxectos feministas que leva a cabo a organización galardoada nun territorio que se sitúa á marxe dos centros de decisión é o que o xurado valorou para outorgarlle por unanimidade este premio dotado con 6.500 na súa terceira edición.

O xurado puxo en valor a "longa traxectoria do Observatorio da Mariña pola Igualdade", así como "a súa pluralidade e o impacto directo e amplo do seu labor en todos os ámbitos da sociedade".

Tamén destacou o "traballo que desenvolve en rede con outros colectivos que responde ao seu propio nacemento, pola unión de asociacións de mulleres de distintas disciplinas e idades, conseguindo un colectivo con voces moi plurais e un traballo moi amplo".

O xurado está formado pola actriz Ailen Kendelman; pola escritora María Lado; pola profesora Sabela Mouriz e polas representantes dos colectivos gañadores da anterior edición Irimia Muelas "de Implicadas non Desenvolvemento" e Clara Rodríguez por "Elas tamén pintan" de 7H Cooperativa Cultural e presidido polo deputado Xurxo Couto, coa xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.

Desde o 8 de marzo de 2008, o Observatorio da Mariña pola Igualdade traballa de xeito continuado a favor da promoción da igualdade de xénero tamén desde o ámbito cultural, contribuíndo coas súas actividades a visualizar as mulleres en sectores de relevancia económica, social e cultural.

A área de Cultura da Deputación da Coruña convocaba por terceiro ano consecutivo o Premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola Igualdade que se resolveu por primeira vez no ano 2017 cando gañou a librería feminista Lila de Lilith de Santiago de Compostela. 

Comentarios