O Sergas sostén que "nunca se cubriu" a praza de pediatría en Barreiros en vacacións

Tamén asegura que esta garantida a asistencia por parte de dous médicos de familia
Centro de saúde de Barreiros. XEILA
photo_camera Centro de saúde de Barreiros. XEILA

O Sergas subliñou que "nunca se cubriu" a praza de pediatra en Barreiros durante as súas vacacións e garantiu a asistencia por parte dos médicos de familia. 

"Os mozos están perfectamente atendidos cos médicos de familia, que están totalmente capacitados para atender aos menores de 14 anos", explicou tras a petición de cobertura da praza por parte da alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Hermida. 

O centro de saúde de Barreiros ten unha dotación de tres médicos de familia e dun pediatra, "todos eles con cotas por baixo da media", subliñou o Sergas, que engade que no verán, debido ao aumento da poboación vacacional, increméntase a dotación co reforzo dun médico de familia a media xornada –medio día en Barreiros e medio en Ribadeo–. 

En todo caso, o Sergas incide que, en caso de haber algunha urxencia, "a atención pediátrica estaría reforzada polos pediatras dos concellos limítrofes e tamén polo servizo de Pediatría do Hospital da Costa". 

A Administración sanitaria galega recorda que "a escaseza de pediatras é un problema común en toda España" e "existen dificultades na contratación" destes profesionais substitutos "xa que non hai profesionais en paro nesta especialidade". 

Comentarios