O PSdeG pide que se investigue a falta da limpeza do río en Xunqueira

Varias familias seguen sen poder acceder ás súas casas

Destrozos en Xunqueira. ANTÍA
photo_camera Desfeitas en Xunqueira. ANTÍA

O PSdeG esíxelle á Xunta de Galicia que abra "unha investigación" para esclarecer "as causas das riadas en Viveiro, nas que unha muller resultou falecida", precisamente "á vista das críticas dos veciños á actuación" do Goberno galego, dado que as súas reiteradas "demandas de limpeza da canle" na Xunqueira non foron atendidas "ao longo do tempo" pola administración autonómica.

Segundo informou o PSdeG, os veciños da zona consideran que Augas de Galicia "non cumpriu os seus deberes de forma adecuada", porque "non acometeu os debidos labores de limpeza", e así llo fixeron saber ao secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, durante a vista que realizou o pasado luns a Viveiro para "coñecer o ocorrido e transmitir as súas condolencias aos afectados".

"É necesario aclarar se houbo desatención por parte da Xunta"

"Precisamente, a tenor do seu descontento co traballo do goberno galego no río, é necesario aclarar se houbo desatención" por parte da Xunta no que se refire á limpeza da canle, así como analizar "que medidas hai que tomar para evitar que se repita unha situación destas características", engade.

A ese respecto, Gonzalo Caballero cualificou as declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez -que o mércores visitou a zona afectada-, como "pouco consistentes", dado que "asegurou que non había obstáculos no río" en base a unha "inspección visual realizada polos técnicos o pasado mes de setembro".

Os socialistas subliñan que "a subida do río produciuse en cuestión de moi pouco tempo e foron os propios veciños os que lle indicaron a Gonzalo Caballero que, ademais da choiva, outros factores influíron na subida repentina de caudal".

Por iso, ademais de explicacións, os socialistas tamén esixen o "dragado do río Xunqueira" e a limpeza da "parte superior" da canle, porque se se repetisen esas abundantes choivas, volvería haber inundacións". "Hai que tomar todas as medidas para que isto nunca máis volva suceder", engadiu Gonzalo Caballero.

Con esta finalidade, a deputada socialista Patricia Otero anunciou a presentación de varias iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que elabore, antes de marzo de 2019, un plan de riscos de inundación do río Xunqueira, co obxectivo final de que se realicen labores de rexeneración e limpeza da zona afectada. 

Varias familias seguen sen poder acceder ás súas casas
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou este xoves que aínda quedan "dúas ou tres familias" que non puideron acceder ás súas casas en Viveiro.

Rodríguez precisou que aínda "se segue coa limpeza nalgunhas casas", que permanecen afectadas as consecuencias da riada, e séguese tamén coa limpeza nas canles do río Labrada", onde "aínda hai moito ramaxe e árbores". 

O barrio de Xunqueira, a zona cero da catástrofe, segue sendo o máis prexudicado, con entre "trinta e corenta familias afectadas", aínda que a día de hoxe, constatou, só quedan "dúas ou tres familias que aínda non poden ir ás súas casas". 

Sobre o cruzamento de responsabilidades coa Xunta sobre "a quen compete" a limpeza destas canles, a subdelegada non quixo entrar en "polémica" e apostou por estar "coas familias" e "facer a limpeza o máis rápido posible". 

En canto aos danos, Rodríguez puntualizou que se están "estudando desde o primeiro momento" e explicou que o concello "habilitou unha oficina" para ese efecto. "Imaxínome que nunha semana estarán as primeiras avaliacións", apostilou, tras o que avanzou que se estuda solicitar a declaración de zona catastrófica. 

Comentarios