O Burela FS defende nos dous partidos finais contar co factor cancha nos play off de ascenso

Os Pescados Rubén conta con 2 puntos de vantaxe respecto ao Puertollano a falta de recibir ao Betis e de visitar ao Noia. O ala peche Pope quere prolongar o refacho de 5 partidos sen perder ata as eliminatorias

Colacha con el balón. AMA
photo_camera Colacha disputa un balón cun xogador do Barcelona B. AMA

O Burela FS Pescados Rubén defenderá nas dúas xornadas finais da Segunda División a súa privilexiada posición actual, que lle permitiría contar co factor cancha en todo o play off de ascenso á Primeira División. Tras pechar o obxectivo de clasificarse matematicamente para as eliminatorias ao empatar en Mengíbar, 3-3, os mariñáns buscarán agora ante o Betis, en casa, e en Noia, na última xornada, defender os dous puntos de vantaxe que teñen respecto ao Puertollano, que parece o rival máis perigoso para adiantarlle na clasificación.

Os laranxas presentaranse na cita do sábado, (Vista Alegre, 18.00 horas) nun gran momento de forma, encadeando cinco partidos sen perder, con 4 triunfos e un empate, precisamente o conseguido en Mengíbar. O Betis, pola súa banda, sumou 10 puntos dos últimos 15 en xogo, con 3 triunfos,un empate e unha derrota, e presentarase ocupando zona de play off, aínda que igualado co Córdoba.

Pope, xogador do cadro burelense, recoñece que o primeiro obxectivo “está cumprido” tras lograr o acceso matemático á fase de ascenso e fala da seguinte meta, que é asegurar o factor cancha. “Houbo momentos en que soñamos co ascenso directo, pero o Valdepeñas foi o máis regular e hai que felicitalo. Agora centrarémonos en gañar os dous partidos que queda porque o factor cancha é moi importante e pódenos axudar moito. Ademais, gañar os dous partidos que nos quedan na liga permitiríanos chegar ao play off no mellor momento da tempada, tanto a nivel de resultados como anímico”, explicou o xogador.

Para Pope, o partido ante o Betis suporá un bo test de face ás eliminatorias de ascenso. “é un equipo que agora mesmo sería o noso rival e que ademais chega nun bo momento. Conta cun gran persoal e era un candidato claro ao título, aínda que lle faltou regularidade”, afirmou.

Minutos de Matamoros. Unha das grandes noticias que deixou o 3-3 en Mengíbar foi o retorno de Matamoros ás pistas tras superar un tumor. Pope e os seus compañeiros congratúlanse de telo outra vez no vestiario e na pista. “Todos estamos felices porque para nós é a noticia máis importante e agradable, o feito de telo de volta. Ademais, en Mengíbar xa xogou uns 10 minutos e xa deu unha asistencia de gol. Todos sabemos o que pode achegar, xa que a súa presenza dános confianza e axúdanos, seguro que chegará ao play off en condicións de ser importante para o equipo”, afirmou.

Comentarios