Nutella acepta poñer nos seus botes As Catedrais e non Las Catedrales

O Concello de Ribadeo pediuno e a marca aceptou e ademais enviou un lote de produtos, que se remitiron ao asilo

Os botes de Nutella que recollen a imaxe dun dos máis famosos arcos da praia ribadense das Catedrais recollerán a partir de agora, tamén, o topónimo oficial do areal, en galego.

O bote xigante que lle enviou Nutella ao Concello de Ribadeo. EP
O bote xigante que lle enviou Nutella ao Concello de Ribadeo. EP

A empresa responde así a unha petición que lles fixo o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, "solicitándolles amigablemente o importante de respectar os nomes de lugar na súa forma orixinal". 

O rexedor ribadense indicou que nuns poucos días "recibimos unha resposta satisfactoria da nosa petición. Queremos por iso, recoñecerlles a rápida resposta e valorarlles a sensibilidade coas normativas legais e de recoñecer que os nomes de lugar non se traducen". 

Ademais, a firma remitiu un envase xigante ao Concello "cheo de bombóns e chocolates que lles agradecemos. O que fixemos con eles foi doalos ao Hospital-Asilo para que fagan bo uso del os usuarios do centro, sempre que as súas condicións llelo permitan".

Comentarios