La Ventana

"Nunca nos separamos"

Mercedes Fernández e Gaspar Río, propietarios do Bar Rodolfo de Alfoz, celebran hoxe 40 anos de casados
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Gaspar e Mercedes o día da súa voda. EP

A DE HOXE é unha xornada de celebración no fogar de Mercedes Fernández Río e Gaspar Río Seara, propietarios do Bar Rodolfo de Alfoz, que cumpren 40 anos de casados. "Empezamos a saír con 16 anos e nunca nos separamos. Mercedes é o máis importante da miña vida xunto cos meus fillos", sinala o marido. "Dos 60 anos que temos, levamos 44 xuntos", di Gaspar, pois lembra que se coñeceron "no colexio en Ferreira" e decidiron casar o 24 de setembro de 1983 no restaurante Xoíña de Foz.

Festexarán as súas catro décadas de casados á noite, "na casiña", logo de rematar a xornada laboral no bar que tamén rexentan desde hai 40 anos. "Era o bar que fundaron os meus sogros", lembra Gaspar, que o compatibilizou coa súa pertenza á orquestra Los Mejoranos ata o 1992 e onde agarda que se xubilen xuntos "en cinco ou seis anos".

A música estará presente tamén na celebración do aniversario: "Aquí somos todos músicos, os fillos cantan os dous, e seguramente algo de festa haberá", comenta Gaspar Río sobre a velada que compartirán cos seus vástagos Aida e Raúl —este vén expresamente dende Barcelona— e coa súa sobriña María.

Por moitos anos máis!

Comentarios