O novo comité de Alcoa seguirá coas mobilizacións

Convocará máis actos en concellos da comarca e tamén en Lugo ou Madrid
Una de las concentraciones realizadas en O Castelo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Unha das concentracións realizadas no Castelo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O novo comité de empresa de Alcoa en San Cibrao dará a coñecer este luns as novas mobilizacións para reclamar un prezo enerxético que faga viable a produción de aluminio, interrompidas polo proceso electoral na fábrica e que agora continuarán con máis concentracións na comarca e a posible convocatoria de manifestacións en Lugo ou Madrid.

"As mobilizacións seguen en pé, seguimos adiante e sabemos que vai ser unha loita longa e dura", avanza o novo presidente do comité, José Antonio Zan (CC.OO), que recoñece que son "moitos" os problemas da fábrica e que a estas alturas lles preocupa a convocatoria da nova poxa de interrumpibilidade e do sistema que a substituirá. "Esa incerteza é a que agora mesmo nos ten en albas, non se sabe como vai ser o sistema", comenta.

O novo comité continuará a liña iniciada polo anterior en canto ás mobilizacións, aínda que cambiará "algún pequeno detalle". Así, haberá máis concentracións que seguirán rotando polos municipios da comarca e convocarán manifestacións en Lugo e tamén en Madrid, "xogando cos tempos", en función de como evolucionen os acontecementos e para reclamar un prezo enerxético que permita a esta industria en España competir con outros países como Alemaña ou Francia.

O comité tivo este luns unha reunión de presentación dos novos integrantes coa dirección da fábrica, "unha primeira toma de contacto" na que non estivo o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, que si se prevé que participe este martes nunha reunión do comité europeo en Madrid á que tamén asiste José Antonio Zan, un dos representantes da fábrica sancibrense.

Neste encontro intervirá por videoconferencia a vicepresidenta de Alcoa para Europa e Oriente Medio, á que interpelarán sobre os plans anunciados da empresa de recortar produción e pechar fábricas nos próximos cinco anos. "Esperamos que nos clarifique un pouco onde teñen pensado facer ese recorte e esperamos que a nosa fábrica non sexa unha da afectadas", comenta o presidente do comité.