A repetición das eleccións municipais na mesa 01-005 U, situada no IES Perdouro de Burela, non moveu a conformación da corporación. Así, tras a votación deste domingo, o PSOE segue conservando os seus seis edís, o PP ten catro e o BNG mantén os tres. Era precisamente o terceiro concelleiro da formación nacionalista o que estaba en liza con Burela Sempre, con todo as novas votacións mantivérono no Bloque e tamén por un voto, do mesmo xeito que nos anteriores comicios.
Nas votacións deste domingo, nas que levaron a súa papeleta á urna 301 persoas, o BNG fíxose con 63 votos e Burela Sempre con 30, polo que o total de votos conseguidos por ambas as formacións suma 810 e 270. Os nacionalistas necesitaban 270 para conseguir o terceiro concelleiro, que foron xusto os apoios conseguidos pola formación independente. A lei electoral ditamina que en caso de empate prevalece a formación con máis número de votos. Neste caso, o BNG.
Polo demais, o PSOE recibiu 116 votos, o PP 86, Ciudadanos dous e Vox un. Ademais, contabilizáronse tres nulos.
A repetición da votación nunha mesa foi ordenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que estimou o recurso presentado polo partido Burela Sempre por seis votos que foron declarados nulos en maio e que poderían terlle dado un edil a esta formación, que quedou a un sufraxio de obter representación.
► A análise completa dos resultados, na edición impresa deste luns de El Progreso