miércoles. 05.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 05.08.2020
El tiempo

A nova vida de Sargadelos

Preparativos para pór en marcha a Taberna de Sargadelos, cos mureales de Luís Seoane. PAULA DUARTE
Preparativos para pór en marcha a Taberna de Sargadelos, cos mureales de Luís Seoane. PAULA DUARTE
Haberá desde unha taberna tradicional con murais de Seoane á biblioteca de Díaz Pardo

Sargadelos inaugura este sábado unhas novas instalacións no seu complexo da localidade cervense que son en realidade unha revisión do que xa había, pero pensado para ofrecer algo distinto ao visitante. Para imbuílo do espírito que indubidablemente rodea este lugar e facerlle gozar a partir da semana que vén do que a propia empresa denomina Experiencia Sargadelos.

Os visitantes non se limitarán só a ver a tenda como ata o momento, senón que poderán coñecer a historia e o proceso produtivo ademais de gozar dunha estancia única, nun ambiente pintoresco, declarado Ben de Interese Cultural, a través de catro etapas distintas.

A primeira delas é un museo no edificio que albergaba o seminario e adquirido aos antigos propietarios polo grupo empresarial a finais do pasado ano.

Durante os últimos meses traballouse na recuperación das instalacións e en concentrar o patrimonio máis relevante que a firma posúe a fin de compartilo co público co que o visitante poderá facer un percorrido pola súa historia pasando polas colaboracións que se fixeron con artistas de renome como Emilio Galassi, Arcadio Blasco, Carmen, Silverio Rivas ou Camilo José Cela sen esquecer nunca o papel crucial que Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane desempeñaron no que hoxe é a histórica e prestixiosa marca Sargadelos.

Poderase visitar a biblioteca do seminario e aínda se poderá profundar máis nun futuro coa recuperación da casa que Díaz Pardo habitou nese lugar. A dirección aclara que o auditorio de Sargadelos estará aberto "a calquera iniciativa, independentemente das que promova a sociedade propietaria".

Os visitantes pasarán tamén pola planta de produción para achegar a súa forma de traballar ao visitantecon visitas libres á planta de produción en horario de traballo.

A terceira etapa das visitas será para a galería Sargadelos, na cal ademais de poder adquirir artigos de Sargadelos pódese ver unha ampla exposición das distintas seccións que se comercializan na actualidade: servizo de mesa, artigos de decoración, xoiería e complementos.

TABERNA. Unha das particularidades máis singulares será a taberna que se abrirá. Logo de máis de 12 anos, a denominada Taboa dos Irmandiños volve recuperar a súa función de comedor. Esta icónica dependencia, que fose o comedor dos empregados durante anos, abre de novo as súas portas como Taberna Sargadelos para que veciños e visitantes poidan gozar dos pratos máis emblemáticos da cociña galega servidos nas súas propias vaixelas "ou simplemente gozar da estancia tomando un viño de barrica en cuncas da firma".

Neste novo espazo, dentro da inconfundible planta circular, resaltan especialmente os murais de Luís Seoane que decoran e embelecen a estancia cunha espectacularidade marca da casa.

A nova vida de Sargadelos
comentarios