Unha nova iluminación reforzará a imaxe da catedral de Mondoñedo

O proxecto ten un custo de 156.311 euros e conta cunha axuda do Idae do 125.049
Catedral de Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Catedral de Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Concello de Mondoñedo promove un proxecto para mellorar o alumado da catedral, co que busca non só mellorar a imaxe do monumento senón tamén a eficiencia enerxética e o aforro co uso de luminarias led. Así o confirmou este xoves a alcaldesa, Elena Candia, que puxo en valor que se trata "dun monumento que está declarado Patrimonio da Humanidade e como tal tamén é un reclamo turístico para a cidade que agora contará cunha iluminación que realzará a súa arquitectura". A rexedora tamén destacou que con esta nova mellora séguese coa posta en valor deste monumento que é unha dos acenos de identidade da cidade.

A actuación conta cun orzamento de 156.311 euros, dos cales 125.049 euros son unha subvención do Instituto da Diversificación e Aforro da Enerxía (Idae) do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Candia quixo subliñar a achega económica do ministerio para sacar adiante esta iniciativa.

Segundo figura na memoria de proxecto, o concepto de iluminación que se aplicará na catedral está desenvolvido en base á súa arquitectura, reforzando e respectando a súa esencia. Na descrición do proxecto exponse unha luz diaria marcada pola luz branca para destacar elementos ornamentais da fachada e outra eventual, na que se mantén a iluminación diaria pero con novos elementos como a iluminación interior das torres en cor laranxa ou verde. O proxecto tamén presta especial atención ao rosetón, un elemento característico da edificación, para o que se propón unha iluminación que permita apreciar a súa rica elaboración desde fóra.

O plan tamén inclúe a iluminación difusa de todo o conxunto, incluído o palacio episcopal, desde as edificacións perimetrales da praza.

Comentarios