Nova dimisión no goberno de Lourenzá nos últimos meses

O concelleiro de obras, Carlos Rivas, abandona o seu cargo aludindo á falta de entendemento coa alcaldesa e o tenente de alcalde

Rocío López y Carlos Rivas. AMA
photo_camera Rocío López e Carlos Rivas. AMA

O responsable da área de obras de Lourenzá, Carlos Rivas, presentou o pasado luns a súa dimisión ao cargo. É a segunda renuncia que debe afrontar o equipo de goberno de Rocío López nos últimos nove meses, despois de que a principios do pasado mes de outubro tamén dimitise o ata entón concelleiro de deportes, Francisco Dasilva.

Os argumentos esgrimidos por Rivas na súa renuncia son similares aos que expuxera Dasilva no seu momento, falta de entendemento coa alcaldesa e o tenente de alcalde. "Non estamos de acordo en moitas cousas e non podo facer aquelas cousas que lles prometín aos veciños, polo que vexo xusto deixar o cargo e deixar de cobrar a dedicación parcial de 360 euros ao mes que cobraba", aseguraba este mércores Rivas, que xa fora concelleiro cos socialistas durante o pasado mandato, cando ocupaban a oposición.

Desde o equipo de goberno non tardaron en reaccionar a esta dimisión e subliñan que vén motivada "porque o pasado venres nunha reunión entre o equipo de goberno e a agrupación local do PSOE se decidiu retirarlle a concellaría de obras e someter á consideración do pleno a eliminación da dedicación parcial", explican nun comunicado. Con respecto ás decisións municipais, matizan que "a alcaldesa ten en conta a opinión de todo o seu equipo, pero as decisións finais ten que tomalas ela, que para iso é ela a última responsable".

Con respecto ao substituto de Rivas, desde o goberno aseguran que tomará posesión previsiblemente no pleno de setembro. Por orde da lista que concorreu ás eleccións sería José Moirón, que ía de número dez. O número nove ocupábao Ana Belén Martínez, que tomará posesión o xoves en substitución de Dasilva.

Os socialistas quixeron enviar unha mensaxe de tranquilidade aos veciños recalcando que o Concello "segue funcionando sen problema".

Comentarios