Néstor Rego denuncia en Lugo "unha gran ofensiva de espolio eólico" en Galicia

Considera que polígonos de aeroxeradores como o "megaparque" que Iberdrola pretende instalar na Mariña afectan á pesca e "provocan un impacto ambiental brutal"
Néstor Rego. DP
photo_camera Néstor Rego. DP

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirmou este xoves que Galicia está a sufrir o que cualificou como " gran ofensiva de espolio eólico" por parte de grandes operadores que proxectan a instalación "de megaparques, que superan os 50 MW" de potencia instalada e que "provocan un impacto ambiental brutal".

Rego visitou Lugo este xoves e recordou que algún deses polígonos de aeroxeradores afecta "a zonas agrarias e gandeiras", co que condiciona a actividade das explotacións da zona, pero "non deixan beneficios en Galicia". "Son grandes parques, promovidos por grandes empresas, que pagan fose os seus impostos e que só deixan unha pequenísima parte das súas ganancias en Galicia, por non dicir unha miseria", afirmou Rego, "entre o 1 e o 3%".

Ademais, recordou que tampouco "xeran moitos postos de traballo", de modo que se trata dun "negocio excelente para as grandes empresas". Puxo como exemplo, o "megaparque eólico mariño, de 1000 MW" que "Iberdrola pretende instalar na costa da Mariña" a só "quince quilómetros do litoral".

Segundo Rego, a costa galega non é a máis indicada para a instalación dese tipo de parques, porque "a plataforma continental é moi estreita" e, mentres noutros países europeos "chega aos 60 quilómetros", aquí queda "só en quince", o que supón que os polígonos de aeroxeradores quedan emprazados moi preto da costa". "Non é un lugar adecuado", insistiu, porque "a cambio de beneficiar a unhas poucas grandes empresas", a súa instalación afecta "a unha actividade fundamental da que dependen miles de familias galegas, como é a pesca".

Desde o seu punto de vista, "temos que camiñar noutra dirección" e apostar "por outro modelo", con pequenos "parques", xestionados tamén por pequenas "e medianas empresas, vinculadas ao país", que realmente xeren riqueza coa produción de enerxía. "Temos que parar este modelo especulativo", concluíu. 

Comentarios