O Naseiro conta cun plan de seguridade para urxencias

As forzas da orde refórzanse para atender aos romeiros, ademais de previr e atender incidencias
Montaje, ayer en O Naseiro. JM PALEO
photo_camera Montaxe, onte no Naseiro. JM PALEO

O arranque este sábado da romaría do Naseiro implica a posta en marcha dun plan especial de seguridade, coa presenza de diversos corpos da orde, para previr incidencias e atender as posibles urxencias que poidan xurdir durante todos os días de festa, que se estenderán ata o mércores, aínda que será o fin de semana o máis complicado debido a que serán os días de máxima afluencia.

Por iso, durante toda a xornada estará instalada unha caseta móbil que servirá de posto avanzado no caso de que haxa que coordinar as intervencións entre os diferentes corpos de seguridade.

Representantes de todos eles mantiveron onte un encontro para coordinar as actuacións. Así, a Policía Local encargarase de controlar o acceso ao campo da festa pola estrada interior, na que quedará prohibido o estacionamento a ambos os dous lados da vía "para facilitar o acceso aos buses, ademais de garantir a entada de urxencia e como vía de evacuación", segundo apuntou o responsable da Policía Local vivariense, Senén Pico, quen alude tamén á prohibición deste ano de estacionar nos campos da marxe dereita do viario.

Un guindastre retirará os coches que se salten as prohibicións, recordan desde a Policía Local, que vixiará a zona "sen desatender á cidade", recorda. Pola súa banda, a Garda Civil será a encargada de controlar o viario de Ferreira, a LU-161, co fin de que non se aparque nas cunetas e evitar así o perigo que pode supor para os automobilistas e os peóns.

As forzas da orde fan en xeral un chamamento á cidadanía pedindo a súa colaboración e incidindo na súa responsabilidade, sobre todo á hora de coller o volante, especialmente se se consumiu alcol. Por iso, animan no posible a utilizar o transporte de autobuses, que funciona desde hoxe mesmo, con diversos horarios segundo as xornadas.

Comentarios