A música protagonizará as festas patronais de Ribadeo

A comisión organizadora contratou a oito orquestras para honrar a San Roque e Santa María
2019073113484826394
photo_camera A comisión organizadora e o pregoeiro deste ano, Fabián Pérez (segundo pola esquerda). AMA

O programa oficial das festas patronais de Ribadeo en honra a Santa María do Campo e a San Roque fíxose público onte. O prato principal estará composto polas actuacións musicais dun total de oito orquestras, regadas por múltiples actos recreativos que atraerán o interese do público de todas as idades.

Os festexos de San Roque celebraranse o 16 de agosto e terán o seu inicio ás 11.30 horas, coa saída dos cocos e cabezudos polas rúas da vila, acompañados polo grupo de gaitas Illa Pancha. Unha hora despois celebrarase unha misa solemne e a continuación haberá unha procesión e o concerto da banda municipal.

Coa caída da noite, ás dez e media, comezará a verbena coa orquestra Fénix e a discoteca móbil Blanco y Negro. Ademais, todos os interesados poderán gozar do mercado pirata, que permanecerá no parque de San Francisco do 16 ao 22 de agosto.

SANTA MARÍA DO CAMPO. O día 31 de agosto celebrarase o pregón das festas en honra a Santa María. Será no Teatro ás oito e media da tarde, a cargo de Fabián Pérez Rego, xornalista ribadense fincado en Madrid.

O xoves 5 de setembro será o día dedicado aos máis pequenos. As actividades arrincarán ás catro coa representación dunha función teatral para nenos de entre 3 e 10 anos, e levará por título Storytime Around the world, by Kids&Us School of English Ribadeo. Media hora despois o entretemento continuará no parque Diverneno con inchables e unha festa da espuma.

No caso de que o tempo non acompañe os xogos trasladaranse ao colexio Gregorio Sanz.

E xa pola noite, ás dez e media, comezará a verbena coa orquestra Los Satélites. O día 6, as orquestras Trevo e Nueva Fuerza serán as encargadas de amenizar a verbena desde as dez e media da noite.

Ao día seguinte, as bombas de palenque anunciarán a véspera da patroa. A saída para os cocos e os cabezudos, que irán acompañados polo grupo Amigos da Gaita, está programada para as once e media. A verbena dará comezo ás dez e media coa música das orquestras Passarela e La Favorita. Ás doce da medianoite será o momento para os tradicionais "Fogos do sete".

O domingo comezará coas bombas de palenque que anunciarán o comezo do día da patroa cunha misa solemne secundada pola coral polifónica de Ribadeo, seguida da procesión, que irá acompañada pola banda municipal, que, a continuación, ofrecerá un concerto fronte ao Concello. Ás dez e media da noite será a quenda para as orquestras Palladium e Televisión.

A comisión de festas xa está a repartir entre as firmas colaboradoras o programa de festas.

Comentarios