viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

Multitudinaria protesta en Viveiro contra o peche da fábrica de Vestas

Multitudinaria protesta en Viveiro contra el cierre de Vestas. ELISEO TRIGO
Multitudinaria protesta en Viveiro contra el cierre de Vestas. ELISEO TRIGO
Unhas 2.500 persoas piden solucións para a crise industrial na Mariña

Unhas 2.500 persoas, segundo datos da Policía, manifestáronse este mediodía en Viveiro contra o peche anunciado pola empresa Vestas da fábrica de aeroxeradores que a multinacional ten en Chavín e para pedir solucións para a crise industrial na comarca da Mariña.

Acompañados de representantes políticos, os traballadores desta empresa, que ten previsto o seu peche para finais do ano, xunto co persoal da factoría de aluminio de Alcoa, que o luns volverá á folga indefinida ao fracasar a venda, expuxeron as súas reivindicacións tras pancartas con lemas como "Vestas Viveiro solución" e "A Mariña, nin industria nin futuro".

O presidente do comité de empresa de Vestas, Daniel Mariño, asegurou que a fábrica segue "sendo rendible, un exemplo a seguir", polo que "non se entende" que a empresa que acaba de adquirir terreos para ampliar e "alardea dos plans de futuro para Chavín, ¡agora márchese sen máis!".

ANÁLISIS. Vestas, un adeus cheo de paradoxos

"Esta comarca, A Mariña lucense, dabondo castigada e con serios problemas industriais, non pode permitirse perder nin un só posto de traballo máis. Por iso, imos loitar, para manter os nosos postos de traballo que son nosos, merecémolos, gañámolos co noso esforzo diario", proclamou na lectura dun manifesto durante a concentración.

Mariño pediu a todos os presentes o seu apoio para aguantar "ata o final" e que acompañen aos traballadores de Vestas "en cada acto, en cada protesta e en cada manifestación", nun discurso que pechou co berro de Vestas "non se pecha" e no que reivindicou o labor realizado polo persoal.

Un grupo de 115 traballadores "cualificados e comprometidos" que sempre estiveron "á altura", afirmou, e que son capaces de competir contra "a peor das competencias e loitar contra o reloxo", como considera Mariño que demostraron e seguirán demostrando.

A alcaldesa da localidade, a socialista María Loureiro, tamén destacou, durante a súa participación nesta mobilización, que a planta "ten beneficios e unha boa produtividade", polo que instou a traballar con Xunta e Goberno central para "apertar" á empresa e que "reconsidere" o peche anunciado.

Loureiro recordou que o luns os traballadores teñen unha reunión coa Xunta polo Ere exposto e este é agora o tema "máis importante". Para Loureiro está claro que "hai que presionar" porque a comarca da Mariña "non se pode permitir outro peche máis".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou a "decisión unilateral" da empresa de pechar unha planta que "é viable" ten capacidade produtiva e é competitiva e "fundamental" para manter a actividade na comarca.

Caballero trasladou "todo o apoio" do seu partido aos traballadores de Vestas, cos que se reuniu esta mañá, e considerou que a Xunta ten que "paralizar esta mesma semana" o inicio de consultas para o expediente de regulación de emprego (Ere) porque é a "fórmula para gañar tempo" e "dar posibilidades de emprego" aos 115 traballadores da planta.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, insistiu na necesidade dunha fronte común para defender o emprego e o futuro industrial da Mariña, ante a decisión "inxusta" e "desapiadada" da empresa de pechar a planta de Chavín, e apuntou a apúntaa “errónea política enerxética” do Goberno central que "deriva no desmantelamento industrial da comarca".

APOIO DE ALCOA. Na concentración, na Praza Pastor Díaz de Viveiro, participou ademais o presidente do comité de Empresa de Alcoa, José Antonio Zan, quen destacou que o importante neste día é apoiar aos seus compañeiros de Vestas e asegurou que, pola súa banda, seguirán "na loita".

Entre berros de Queremos "traballar e non emigrar", "A indemnización non é unha solución" ou "A Mariña se salve loitando", a céntrica praza viveirense encheuse de chalecos laranxas dos traballadores de Vestas, do mesmo xeito que fai algo máis dun ano foron os chalecos verdes de Alcoa, con motivo da negociación para a venda da factoría. 

Multitudinaria protesta en Viveiro contra o peche da fábrica de Vestas
comentarios