Multados varios condutores ao entrar na zona cortada da A-8 ao seu paso polo Fiouco

Os afectados non interpretaron as luces amarelas como desvío e piden máis sinais

Tramo de O Fiouco con niebla. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Tramo do Fiouco con néboa. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A A-8, a Autovía do Cantábrico, ao seu paso polo Fiouco, entre Abadín e Mondoñedo, seguiu dando que falar na xornada deste sábado, aínda que nesta ocasión polas multas que impuxo a Garda Civil aos usuarios que se saltaron a prohibición de circular polo viario pola escasa visibilidade a consecuencia da néboa. Un corte que non estaba debidamente sinalizado, segundo algúns dos afectados, que aseveran que ningún panel avisaba da incidencia.

"Non había semáforo en vermello nin carteis avisando do corte na estrada", asevera un do automobilistas que na tarde do sábado circulaba pola estrada en sentido Mondoñedo, quen si recoñece que había un tramo de luces amarelas no chan, que non interpretou como que un desvío obrigatorio para non entrar na autovía, do que se decatou cando foi parado por unha patrulla da Garda Civil un pouco máis adiante, pouco antes da saída en Mondoñedo.

"Explicámoslles aos axentes que os paneis non funcionaban e chamaron para confirmar ao que lles responderon que estaban ben, pero é ilóxico pensalo cando había outros catro coches parados pola mesma causa, un deles incluso con nenos e quen vai pensar que vai arriscarse a meterse por unha estrada cortada pondo en risco a súa vida e a dos seus fillos", pregúntase un dos afectados.

Os teléfonos móbiles serviron para que o acompañante dun dos afectados contactase con outros compañeiros que viaxaban detrás noutro coche, que corroboraron que o único sinal que estaba operativo eran os luminosos horizontais. Ao contrario do que comprobaron despois que sucedía á entrada á autovía desde o outro sentido, onde si que había un luminoso e un semáforo en vermello advertindo da imposibilidade de acceder, asevera o condutor.

500 EUROS. Unha cuestión que farán constar na reclamación que interporán ante Tráfico para conseguir a eliminación da multa, que ascende a 500 euros.

A estrada está cortada desde as nove da noite do venres, algo que é habitual nesta autovía á altura do Fiouco, nos límites de Abadín e Mondoñedo, onde a néboa que adoita acumularse non garante a seguridade dos usuarios, motivo polo que se procede ao seu peche, debendo os vehículos desprazarse pola Nacional. ás nove da noite do sábado cumpríronse 24 horas do seu último peche.

Comentarios