Unha muller foi reanimada na praia de Coto, en Barreiros, logo de entrar en parada

A vítima, veciña de Barreiros, foi trasladada ao hospital de Burela. A rápida actuación dos socorristas e os servizos sanitarios, clave

A traxedia estivo preto de suceder, como o ano pasado, nas praias de Barreiros, pero a rápida actuación dos socorristas e dos servizos sanitarios evitou a morte dunha veciña do municipio, de 52 anos.

Os feitos sucederon sobre as 17.00 horas na praia de Coto, en Barreiros. Unha muller estaba a bañarse cunha cortiza baixo a atenta mirada dos socorristas. Nun momento dado, estes perdérona de vista e deron o aviso. Rapidamente púxose en marcha todo o protocolo e a lancha saíu cara a zona. A muller foi sacada á area, inconsciente e en parada respiratoria. Expulsaba auga pola boca, pero tiña pulso, polo que os servizos sanitarios procederon a facerlle as manobras de ventilación con osíxeno de alto fluxo.

A muller recuperou a consciencia e, acto seguido, unha ambulancia do 061 trasladouna ao hospital de Burela para recuperarse do suceso. En principio, a muller atopábase con dúas nenas pequenas, que poderían ser as súas netas, e cunha muller.

Hai que recordar que hai menos dun ano, a principios de agosto de 2017, faleceu un home na praia de Corveira, tamén en Barreiros.