"A muiñeira naceu das xuntanzas nos muíños"

Jairo Míguez, presidente da asociación cultural Saíñas de Xove, elixe a Ruta dos Muíños da Rigueira como o seu recuncho favorito no concello
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Jairo Míguez, na Ruta dos Muíños coa casa que foi de seus bisavós ao fondo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Unha noite no muíño, unha noite non é nada; unha semaniña enteira, esa si que é muíñada, di a muiñeira. Sendo Jairo Míguez presidente da asociación cultural Saíñas de Xove non podía elixir outro sitio do seu concello que a Ruta dos Muíños da Rigueira porque os muíños son a orixe dun rico folclore galego e, como non, da muiñeira e porque ademais a Jairo úneo un especial vínculo familiar cos muíños. "O primeiro muíño da ruta en Regosanguento era a casa onde naceu miña avoa e meus bisavós eran muiñeiros", asegura, "cando era pequeno pasaba os veráns na casa de meus avós e con miña bisavoa tiña un vínculo especial". 

Á beira do río Rigueira, a ruta pódese facer dende o lugar de Regosanguento, en Lago ata Ponte do Carro, ao lado da igrexa de San Miguel, ou á inversa por un sendeiro de terra pisada. No percorrido atópanse nove pontes de pedra e oito de madeira e, como non, nove muíños. "As vistas que che dá esta ruta dos muíños que se conservan dende hai moitos anos para min son espectaculares porque reflicten un dos traballos cos que subsistiron os nosos antepasados e tamén polo que significa o muíño como parte importante da nosa cultura, xa que a muiñeira colle o seu nome das xuntanzas que facían nos muíños mentres agardaban a moenda e cantaban e bailaban para entreterse e de aí saíu o baile da muiñeira", explica Jairo.

Pero ademais de todo este significado, este sendeiro en plena natureza é unha maneira de desconexión para Jairo: "Gústame saír correr e acostumo a facelo  nesta ruta porque é moi cómoda  e dame tranquilidade". 

Ademais este itinerario agocha un segredo. Ao longo dun quilómetro, entre os muíños de Abad e O Concheiro, agochadas nos ocos dalgunhas árbores atópanse as casas das fadas e os trasnos que fan aínda máis máxico a este lugar. "Acostumamos a ir moito coas nenas por esa zona da ruta porque lles fai moita graza ver estas portas", di Jairo para poñer a broche final ao seu recuncho favorito.

Comentarios