Mondoñedo volve esixir reparar a N-634, o desvío cando se pecha O Fiouco

Este mesmo luns pola mañá a DXT informou o peche da autovía polas circunstancias meteorolóxicas
Desvío desde la A-8 a la N-634. AEP
photo_camera Desvío desde a A-8 á N-634. AEP

O goberno local de Mondoñedo volveu a dirixirse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para reclamarlle que execute o proxecto aprobado en 2017 para mellorar a seguridade viaria da estrada Nacional 634 ao seu paso ese municipio, tendo en conta do seu evidente estado de deterioración e de que é desvío alternativo para manter a comunicación con Asturias cando a néboa obriga a pechar a A-8 no Fiouco.

O citado proxecto incluía a substitución da capa de rodaxe, a mellora da sinalización, o balizamento da vía, a colocación de defensas laterais e o peche dalgúns tramos para evitar o acceso de animais salvaxes á calzada.

Segundo informou o Concello de Mondoñedo, o proxecto foi aprobado en 2017 e, desde entón, o goberno local dirixiuse en varias ocasións ao ministerio e á Subdelegación do Goberno para solicitar a súa execución. Ademais, a corporación local aprobou varias mocións en pleno nese mesmo sentido.

O goberno local pide o "arranxo urxente" dunha vía cun "firme en mal estado e iluminación e sinalización horizontal deficiente", circunstancias que dificultan a circulación dos vehículos en condicións de seguridade cando a "Nacional 634 ten que absorber o tráfico desviado desde a autovía A-8".

De feito, recorda que "agora, co inicio da época estival, os desvíos do tráfico pola nacional son máis frecuentes, debido á aparición de néboa no Alto do Fiouco". Este mesmo luns pola mañá a DXT informou o peche da autovía polas circunstancias meteorolóxicas. 

Comentarios