Mondoñedo vende o antigo hospital de Cabanela á Fundación Dignidade

O colectivo educativo e social é o adxudicatario do servizo do centro de menores para o que xa tiña cedido parte do inmoble tras rehabilitalo por 300.000 euros
18012021 Mondoñedo
photo_camera Representantes municipais e responsables da fundación. AEP

O Concello de Mondoñedo pechou a venda do antigo hospital de Cabanela á fundación educativa e social Dignidade. A venda foi adxudicada en 455.271,50 euros. Dignidade é unha entidade social non lucrativa que traballa de face ao futuro a través de programas e proxectos creativos para propiciar o cambio por medio do bo trato e da dignidade humana.

A fundación comezou a súa actividade en Mondoñedo o pasado ano coa xestión do servizo de programas de intervención en réxime de acollemento residencial e de atención de día para menores. En novembro, a fundación participou na poxa convocada polo Concello para adquirir o edificio.

Coa venda do edificio conclúe o convenio establecido polo Concello de Mondoñedo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), xa que o ente municipal adquiriu o inmoble co obxectivo de pór en marcha un proxecto social. Esta iniciativa supuxo un investimento de 300.000 euros na adecuación das dúas primeiras plantas e a creación de 13 postos de traballo, algo que xa levou a cabo a Fundación Dignidade, que pretende ampliar o espazo de miniresidencia no segundo piso e crear unha vivenda de inclusión social no baixo. Ademais, no terceiro piso prevese crear un proxecto de emprendemento social en forma de aloxamento turístico.

Comentarios