martes. 27.07.2021 |
El tiempo
martes. 27.07.2021
El tiempo

Mondoñedo compra o Hospital de Cabanela para centro de menores

Edificio del antiguo hospital de Cabanela (derecha). JOSÉ Mª ÁLVEZ
Edificio do antigo hospital de Cabanela (dereita). JOSÉ Mª ÁLVEZ
Candia pide ao PSOE que rectifique tras dicir que a operación é "un auténtico pelotazo" e que o inmoble se cede a unha empresa privada

O Concello de Mondoñedo iniciou os trámites para a compra do edificio do antigo Hospital de Cabanela, no que pretende ceder dúas plantas a unha entidade social sen ánimo de lucro seleccionada pola Xunta para prestar un novo servizo de residencia de menores.

O Concello terá un convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo para o financiamento dos traballos de rehabilitación a través dun préstamo do Fondo de Cooperación, por un importe de 450.000 euros, que o ente local devolverá en oito anualidades de 56.250 euros. A alcaldesa, Elena Candia, destaca que se trata dun edificio emblemático cuxa restauración suporá un avance na mellora do parque inmobiliario de Mondoñedo e mellorará a súa imaxe urbanística, pero tamén que permitirá dotar á cidade de novos servizos, pois á parte da residencia de menores terán cabida outros proxectos que valora o Concello. O centro creará quince postos de traballo, "dirección, auxiliar administrativo, traballador de noite, educadores, cociñeiro e gobernante do servizo de lavandería", engade.

POLÉMICA. Tanto o Concello como a entidade Fundación Educativa e Social Dignidade -proposta como adxudicataria do servizo- valoran "impulsar accións xudiciais" contra o PSOE mindoniense por cualificar de auténtico "pelotazo" a compra do inmoble e engadir que este se cedía "a unha empresa privada", afirmacións que segundo asevera a alcaldesa non son certas, polo que piden aos socialistas "que rectifiquen".

Elena Candia explica en primeiro lugar que "non se cede o edificio, ceder o uso vinculado á prestación dun servizo público en dúas plantas do inmoble", e en segundo que Dignidade "non é unha empresa privada, é unha fundación sen ánimo de lucro, de interese público e inscrita no rexistro, algo que o PSOE sabe porque ten os estatutos da fundación, que pasou un proceso público para a xestión dun servizo público". "Podo aceptar calquera crítica política, pero mentiras non", defende Candia, quen engade que o edificio está en bo estado de conservación e que compralo era "a maneira máis económica" para implantar os servizos que albergará.

O PSOE mindoniense cualificaba de auténtico "pelotazo a compra dun inmoble na avenida das San Lucas por 450.000 euros". A portavoz, Esperanza González, manifestou que "o goberno de Elena Candia compra un edificio coa única finalidade de favorecer a unha empresa privada dos impostos de todos os veciños e veciñas de Mondoñedo", unha operación, engade, "coa que está facendo méritos dentro do PP e do goberno de Feijóo, iso si, pero cos impostos de todos os mindonienses".

A socialista considera que o Concello "non pode facer fronte a este investimento para esta infraestrutura, Isto non é unha competencia municipal, é propia da Xunta, polo tanto, que a asuma", asevera González, quen di que "a día de hoxe o Concello non precisa comprar máis inmobles" e que hai "outros edificios que poderían servir para atender estas mesmas necesidades, que a Xunta os rehabilite e o faga", insiste. "Desde ou grupo socialista aprobariamos que se utilizase este investimento para realizar un centro público, pero non podemos investir nun edificio que non necesitamos e que despois vai recaer a unha empresa privada", conclúe.

Tanto o PSOE como o BNG votaron en contra da compra do edificio no pleno extraordinario no que se debateu o venres pasado. O portavoz nacionalista Eloi Cabanas apuntou que eles si están de acordo en implantar ese servizo en Mondoñedo, pero non ven "a necesidade de gastar diñeiro público de todos os mindonienses neste edificio cando non concello hai inmobles propios ou da consellería que poderían ser empregados directamente para esta fin", entre os que cita o edificio onde estaba antes o Inem ou a nave do barrio dos Muíños.

Eloi Cabanas tamén está en desacordo coa cesión de uso do inmoble á fundación adxudicataria, pois pensa "que a cesión do uso do inmoble debería ser á Consellería de Política Social, que é a que ten que comprometerse en garantir a prestación do servizo". "Non poñemos en cuestión a implantación do centro de protección a menores na localidade, pero entendemos que os pasos que deu o goberno de Elena Candia con este tema non foron na boa dirección", di.

Mondoñedo compra o Hospital de Cabanela para centro de menores
comentarios