"Mondoñedo como cidade monumental é das máis interesantes de Galicia"

Javier Gómez Darriba, licenciado en Historia da arte, elabora a súa tese sobre a súa evolución urbana e arquitectónica nos séculos XVII e XVIII

Javier Gómez Darriba. AMA
photo_camera Javier Gómez Darriba. AMA

O lucense Javier Gómez Darriba, licenciado en Historia da arte, elixiu Mondoñedo para o tema da súa tese doutoral na que xa está a traballar e espera ter lista en febreiro do ano que vén. "Uns dos motivos que me levaron a escoller Mondoñedo foi o feito de que sexa unha cidade que ten moito potencial a nivel arquitectónico e patrimonial, porque como cidade monumental é unha das máis interesantes de Galicia, pero está pouco traballada", explicou e concretou que o traballo que está a facer centrarase na evolución urbana e arquitectónica da cidade episcopal durante os séculos XVII e XVIII. "Unha vez que a tese estea rematada dará unha boa idea das reformas que sufriu a cidade neses séculos en todo a súa contorna e nos edificios máis emblemáticos, coma a catedral ou os pazos".

Gómez Darriba destacou o nivel de conservación que presenta a maior parte do centro histórico mindoniense, que ao seu xuízo é moi bo "eu sitúoa non top 5 de Galicia, sen dúbida", aínda que moita xente o descoñeza. "Hai uns meses que a cidade se incluiu na rede da Asociación de Pobos máis Bonitos de España o que sen dúbida vai servir para dala máis a coñecer, pero aínda é unha gran descoñecida", asegurou.

CONFERENCIA. Os traballos de investigación que está a abordar para elaborar a súa tese levaron a Gómez Darriba a estar presente este martes no ciclo de charlas Novos documentos, novas interpretacións que organiza a Real Academia Galega de Belas Artes dentro dos seus Martes das Artes, unha serie de conferencias que se centran en asuntos relativos á arquitectura histórica en Galicia a través dos resultados de investigacións recentes "nas que a localización, estudo e análise de diversos tipos de documentos arroxa visións novas, aluma testemuños ignorados, permite interpretacións diferentes e conduce a un renovado coñecemento sobre aquela", explican desde a propia academia.

Neste marco, Gómez Darriba presentou un relatorio no que analizou a configuración arquitectónica da catedral de Mondoñedo e o seu impacto urbanístico na cidade desde o inicio da súa construción ata a actualidade e sobre todo destacando as reformas máis notables ás que foi sometida e que contribuíron decisivamente a darlle o aspecto que conserva na actualidade. "Abordo os oito séculos da catedral e como foi cambiando, pero principalmente céntrome nas dúas grandes reformas que sufriu e que lle confiren o seu aspecto actual", explicou, "a primeria delas é de 1600 na que se dotou dunha nova cabeceira, o que fixo que medrara un terzo a súa superficie, e a outra é de principios do século XVIII, cando se fixo a nova fachada barroca".

Con respecto ao estado de conservación do edificio, Gómez Darriba asegura que "é moi bo" e destaca as obras que se executaron hai meses para mellorar as cubertas, "o que contribuíu de xeito importantísimo a evitar as filtracións e as humidades non interior do templo", o que sen dúbida influirá na súa conservación.

Comentarios