Mondoñedo centralizará e potenciará todo o vinculado ao Camiño Norte

Os servizos relativos a esa ruta estableceranse todos na zona de Alcántara e Elena Candia quere dotar á contorna dun orzamento propio co que facer cursos ou actos culturais
Elena Candia. J.Mª ALVEZ
photo_camera Elena Candia. J.Mª ALVEZ

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, está a preparar unha centralización de todos os servizos e infraestruturas vinculadas ao Camiño Norte que se ofrecen no municipio para que viren ao redor da zona de Alcántara. Candia explica que é o lugar máis apropiado e máis natural para facelo porque xa hai alí varios servizos como o albergue dedicados a esta ruta de peregrinaxe cuxos datos non paran de subir ano tras ano e fan asegurar á alcaldesa que "agora isto xa é unha realidade que vai a máis. Temos que ser conscientes de que estamos cada vez máis cerca dun Ano Santo e temos que tratar de aproveitalo o millor que poidamos".

Pero á marxe de trasladar a esa contorna de Alcántara todo o que poida, a rexedora mindoniense non quere que ese labor de centralización quede no que toca a aspectos físicos. A súa intención é redefinir o traballo completo que se fai ao redor do Camiño Norte.

Así, unha das ideas que porá en práctica Elena Candia é "a dotación dunha partida orzamentaria para desenvolver actividades ao redor desta zona". Concretamente, di que a súa intención pasa por que haxa unha persoa "que non sexa alguén que se limite a abrir e pechar o albergue cando hai peregrinos, senón que sexa unha persoa que dispoña de certa partida orzamentaria para poder desenvolver algunhas actividades ao longo do ano e tirar tamén do seu valor cultural".

Para este último aspecto a alcaldesa de Mondoñedo xa falou co reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, a quen lle expuxo o proxecto en xeral e máis en particular a idea de desenvolver na cidade un curso de verán. Aínda que polo momento non hai nada que teñan concretado aínda, o máximo responsable da USC si viu con bos ollos a idea tanto para apoiar o Camiño Norte como para aproveitar as características de Mondoñedo para acoller un curso de verán en próximas convocatorias.

CERCANÍA E COMODIDADE

Elena Candia explica que baixo o seu punto de vista é "moi importante que os peregrinos que cheguen atopen todo o máis comodamente posible". Cre que "os peregrinos, polas circunstancias nas que están, sobre todo os que veñen andando, non soen querer facer ningún tipo de desprazamento, así que a idea é achegarlles o que teñamos o máximo posible" e esa é outra das ideas nas que se basea para pór en marchar esta iniciativa.

Candia recordou que aos poucos as cifras do Camiño Norte fóronse afianzando ata mostrar unha ruta cunha gran cantidade de posibilidades. A intención non é só aproveitar o seu paso por aquí cando están in situ, senón que leven unha impresión que lles invite a volver máis adiante.

Comentarios