O recuncho de... Vanessa Gómez: "Por moitas veces que subas, nunca está igual"

Esta peiteadora atopa no mirador de Penabor de Barreiros un balcón natural privilexiado cunhas vistas que "son de admirar" 
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Vanessa Gómez, no mirador de Penabor. ÁLVEZ

A 336 metros de altitude, con San Cosme de Barreiros aos pés e Foz en fronte, érguese o mirador de Penabor, en Barreiros, un balcón natural prixilexiado na Mariña e o recuncho que elixe Vanessa Gómez, peiteadora e integrante da comparsa Habelas Hainas barreirense.

"O que un mirador pode mostrar vai máis alá da imaxinación", asegura, "podes visitalo moitas veces, pero nunca vair estar igual". "A natureza é incrible", engade.

Para Vanessa o mirador de Penabor ten moito de especial polas vistas que ofrece: "Son das persoas que se coa vista acado mar e monte ao mesmo tempo, aí me quedo e a iso hai que engadirlle a sensación de ter a vista de paxaro o noso concello e outros veciños. As vistas que nos proporciona, sempre e cando a vexetación e a climatoloxía o permitan, son de admirar".

"Traballo cara o público e na época de verán, cando máis visitantes recibimos, sempre escoito: ‘Non sabedes ben o que tedes!’, e eu sempre respondo: ‘Sei, sei; vaia se o sei!’". Ela sabe deste riqueza paisaxística pero recoñece que "é certo que temos que ir coñecendo máis a nosa contorna para valorala e así que o podan facer tamén todos os que deciden visitarnos".

Para Vanessa este mirador está bonito "sempre" e calquera momento é bo para desfrutalo, pero recoñece que na primavera e no verán "merece moito a pena, xa que a natureza está no seu máximo esplendor e o ceo máis despexado". "A vista pode alcanzar e desfrutar moito máis", subliña.

Pero a paixón de Vanessa por Penabor levaa a desfrutar no alto do monte aínda que a néboa lle cegue a vista que tanto lle gusta. "Unha das veces que subín a néboa non me permitiu ver nada, era como estar nunha nube", asegura, pero "ata en días así eu recomendaría subir".

Por todo isto, o mirador é un punto ao que lle gusta ir aínda que recoñece que o fai "menos do que me gustaría" porque "entre o meu traballo e o meu ‘hobby’ en Habelas Hainas, o día non ten sufi cientes horas".

Comentarios