EL MENÚ DE... O PETISCO, EN MONDOÑEDO

"As mellores ensaladas son as miñas"

Fina Seco presume de boa man coa hortaliza local e non pode sacar da carta as tixolas pola súa alta demanda. Entre as especialidades da casa está o polbo fritido
Fina Seco, propietaria e cociñeira de O Petisco, na Praza do Concello de Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Fina Seco, propietaria e cociñeira de O Petisco, na Praza do Concello de Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Na Praza do Concello de Mondoñedo xestiona con satisfacción O Petisco Fina Seco Fernández, que tamén é a cociñeira. O establecemento, que traballa sen glute, ten como aposta segura as tixolas e outras especialidades como o polbo fritido ou saborosas ensaladas con produtos da horta local. "O día que descanso vou comer por aí e ata agora non houbo ningún restaurante onde me gustaran máis. As mellores ensaladas son as miñas", certifica.

Ademais das básicas na carta pode atoparse a Envexas de Mondoñedo con endivias "que se empezaron a comercializar moito a raíz desta ensalada" e que tivo un premio, a Rosetón con pementos asados, tomate deshidratado e ventresca de bonito, e a Seminario con tomate e rulo de cabra.

Por aclamación popular, Fina non pode sacar da carta as tixolas."Todas levan base de patacas fritidas e tres ovos", que se completan con gulas e gambas; gulas, gambas e cogomelos; zorza; pementos; xamón ou ovos trufados. Tamén hai opción dunha tixola para dúas persoas, a Especial Petisco, con patacas, seis ovos, polbo, gulas, gambas e zamburiñas. "Estas non deixan tocalas", sinala.

Entre as últimas novidades que a cociñeira introduciu na carta está o queixo provolone ao forno con pan de allo, "que a xente peléxase para poder cortalo". e recuperou a grella de verduras, pois "na zona hai moi boa verdura de temporada e á xente tamén lle gusta". Hai máis racións, como as de morro ou orella de porco, croquetas caseiras, pementos de Padrón ou patacas bravas, entre outras.


Do mar as especialidades do local son as luras fritidas con patacas e o polbo fritido, pero tamén hai puntillas, zamburiñas ou bacallau, e en temporada únense xornadas especiais do bonito de Burela ou do centolo.

Para os máis carniceiros outras opcións son solombo de porco á grella, segredo ibérico á grella, torresmos, frebas ou, previa encarga, a brocheta especial para dúas persoas que leva entrecosto, solombo, chourizo, polo, pementos e patacas. Na súa época tamén prepara pezas de caza: "Sáeme moi ben", asegura.

Hai catro anos que Fina Seco colleu este local, o antigo bar Central, e agora acaba de reabrir tralas vacacións e unha reforma que fixo que quedara "o máis bonito de toda A Mariña" na súa opinión, con máis espazo de comedor, outro baño e nova decoración estilo vintage. "Hai moito turista, moito peregrino, pero tamén xente que se despraza adrede a comer aquí, xa temos a nosa clientela", sinala a cociñeira, que se amosa "moi contenta" coa acollida.

Comentarios