Miles de persoas reclaman en Xove medidas para garantir a continuidade de Alcoa en San Cibrao

A Cámara galega reclama ao Goberno aprobar xa o estatuto das electrointensivas 

Miles de persoas encheron na noite deste mércores a Praza do Concello Xove para expresar o seu apoio aos traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao e reclamar medidas para o prezo da electricidade que garantan a continuidade da factoría da Mariña. A concentración, na que segundo cifras do comité de empresa participaron unhas 3.000 persoas, contou coa participación de alcaldes e representantes municipais da Mariña de todas as cores políticas. 

En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, valorou a imaxe de unidade ofrecida en Xove, tanto por parte de asociacións e cidadáns, como dos representantes políticos "que entenden o que significa a fábrica para A Mariña". 

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, dirixiuse aos asistentes desde un balcón do concello para expresar a súa preocupación polo futuro de miles "de familias" e a súa "decepción" coa visita da ministra de Industria, Reyes Maroto, o pasado martes. 

Así as cousas, Paleo apela a continuar coa "forza" expresada nas rúas de Xove este mércores en busca dunha "solución" que está en mans dun goberno que "aproba outras medidas" a pesar de estar en funcións, aseverou o representante dos traballadores. 

 

A Cámara galega reclama ao Goberno aprobar xa o estatuto das electrointensivas 
O Parlamento de Galicia aprobou este mércores, co voto a favor de todos os grupos (PPdeG, PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto), reclamar ao Goberno central a certificación "inmediata" do estatuto de apoio ás electrointensivas para manter e garantir os centros produtivos e os postos de traballo das factorías de Alcoa en San Cibrao. 

A proposta aprobada partiu do PPdeG e foi defendida polo deputado Daniel Veiga nun pleno especialmente centrado na situación da industria galega e, tras unha sesión de control, na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, urxiu que se faga público o contido deste estatuto, coa advertencia de que Alcoa está "en risco de peche". 

Comentarios