Milagros Louzán será a nova concelleira do PSOE de Foz

Focega de 40 anos e profesora no instituto da localidade, farase cargo de muller, igualdade, migración e sanidade
aaaaa
photo_camera Milagros Louzán. AMA

A número 8 da lista do PSOE ás eleccións municipais en Foz, María Milagros Louzán García, tomará posesión no pleno deste xoves pola tarde como nova concelleira para ocuparse das delegacións de muller, igualdade, migración e sanidade en sustitución de Verónica Peña.

Focega de 40 anos, estudou Enxeñería de Camiños, Canais en Portos na Universidade da Coruña. Nunha primeira etapa profesional, que durou seis anos, dedicouse á xestión de obras públicas en varias comunidades autónomas. Coa chegada da crise decidiu especializarse e cursou un máster de prevención de riscos laborais e outro de formación do profesorado. Nas prácticas deste último, decidiu dedicarse ao ensino e presentouse ás oposicións pola especialidade de Matemáticas, obtendo a praza en 2016. Actualmente traballa no IES de Foz. 

Unha das súas áreas será muller e igualdade e como feminista convencida cre que "o feminismo aínda ten moito polo que loitar". "Cando eu tiña 20 anos non podía imaxinar que no 2020 as enfermeiras, as mestras e as coidadoras fosen aínda na súa maioría mulleres, nin unha foto do Consello Xeral do Poder Xudicial onde todos fosen homes", asegura. Louzán defende un feminismo "integrador e aberto no que todas as mulleres e todos os homes traballen nos seus respectivos ámbitos para acadar a igualdade real".

Con respecto á migración asegura que dende o Concello traballarán "para mellorar o nivel de integración dos migrantes e desmentir os bulos sobre os mesmos que só conseguen aumentar a xenofobia e o racismo". 

Finalmente, en materia sanitaria defende que dende os concellos pódese "recibir e canalizar as queixas dos veciños, ter o diagnóstico da situación feito para que cando haxa cambio de goberno na Xunta de Galicia poidamos esixir un bo trato desde esa Administración para os concellos do rural". 

Máis en A Mariña
Comentarios