A mesa multilateral de Alcoa reúnese na véspera das consultas do Ere

El presidente del comité de Alcoa. VICTORIA RODRíGUEZ
photo_camera O presidente do comité de Alcoa. VICTORIA RODRíGUEZ

Representantes da Administración, do comité de empresa e da multinacional reúnense este martes na mesa multilateral de Alcoa, un día antes de que comece o período formal de consultas para iniciar o despedimento colectivo de 543 traballadores da planta de aluminio primario de San Cibrao. E un día despois dunha nova gran mobilización contra o peche da planta.

A empresa comunicou ao comité a decisión de iniciar ese período formal de consultas o día 25 de xuño na última reunión que as dúas partes mantiveron en Lugo, a semana pasada. 

Logo das dúas últimas manifestacións, en San Cibrao e Burela, ambas as multitudinarias, o comité de empresa espera que por parte do Goberno de España se presente ás seis desta tarde nesa mesa multilateral algún tipo de solución, chámese ou non estatuto", para rebaixar o prezo da enerxía eléctrica a unha tarifa que faga competitiva a produción de aluminio primario na Mariña. 

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, insiste en que a actual situación da factoría de aluminio primario vén derivada dun "problema político" e "se hai intención de solucionalo, haberá saída, e se non, pois non". "Temos que presionar o Goberno para que nos poña un marco enerxético. E a partir de aí, logo diso, xa falaremos", dixo Zan en declaracións a Efe. 

O comité convocou para este xoves, a partir das 12.00 horas, unha concentración de protesta ante a Subdelegación do Goberno en Lugo. Ademais, está prevista para o domingo unha caravana de vehículos que partirá pola mañá de diferentes municipios mariñáns e desprazarase ata a capital lucense.

Comentarios