Localizado en Viveiro material arqueolóxico que podería pertencer a un buque do século XVIII

Militares de Ferrol, en coordinación coa Xunta, realizaron as inmersións nas proximidades da illa de Area 

Mergulladores da Armada Española identificaron tres pezas de artillería de ferro, diversas  palanquetas, ademais de restos de cerámica e outros aveños, durante unha inmersión realizada en augas da ría de Viveiro, nas proximidades da illa de Area, e que poderían pertencer a un buque de finais do século  XVIII. 

A inmersión foi realizada por integrantes da Unidade de Mergullo de Ferrol (Ubefer), con base na Estación Naval da Graña, en coordinación co Servizo Arqueolóxico da Xunta. 

Este achado foi posible, segundo asegurou a Armada, a través dun comunicado, "grazas á colaboración dun mergullador deportivo da zona", que a principios do mes de febreiro deu aviso ás autoridades da presenza destes restos arqueolóxicos. 

Este aviso motivou a mobilización dun equipo con base en Ferrol para realizar a devandita inmersión, xa que a Armada Española é "a responsable do rexistro e protección do patrimonio arqueolóxico mergullado".

EFECTIVOS. Para desenvolver esta tarefa desprazáronse ata a localidade da Mariña lucense unha embarcación semirríxida e un camión con todo o material de mergullo. 

Nestes traballos, ademais dos mergulladores militares, tamén participou o arqueólogo submarino Miguel San  Claudio Santa Cruz, contratado pola Xunta, gran coñecedor de restos arqueolóxicos e "experto no abundante e rico patrimonio mergullado en augas do litoral de Galicia". 

Polo momento non se ten constancia exacta da natureza e pertenza dos restos. Ademais, "a súa identificación encerra múltiples dificultades, orixinadas pola ausencia de datos e o paso do tempo no material mergullado". 

Agora, unha vez recuperados do fondo da ría de Viveiro, estes restos serán catalogados e estudados polos equipos de arqueoloxía, que tratarán de descifrar a época á que pertence e sobre a súa posible orixe. 

Comentarios