Os mercados da horta rematan cunha homenaxe á muller rural en Ribadeo

Os 18 produtores locais ofreceron degustacións e tamén houbo stands convidados, un taller de cestería e música

Degustación de platos. M. ROCA
photo_camera Degustación de platos. M. ROCA

Os mercados de produtos da zona que se veñen desenvolvendo en Ribadeo os domingos dende xuño remataron este domingo coa Festa da Horta, na que á parte de degustacións, un obradoiro de cestería ou un concerto, houbo no momento do pregón unha homenaxe a todas as mulleres que levan participado nestes mercados dende os seus inicios hai 16 anos e, en xeral, ao papel e traballo das mulleres no eido rural.

O pregón correu a cargo de Elia Rodríguez, muller dedicada dende hai 40 anos á agricultura e "pioneira" na ecolóxica, que participou nos mercados ata a súa xubilación o ano pasado. Fixo unha defensa da profesión e das posibilidades da produción ecolóxica na zona. Tamén interviu a concelleira de desenvolvemento local, Ana Martínez, quen lembrou "o que supuxo a muller para o rural, equilibrando o traballo entre a empresa familiar e a vida no fogar" e a "revolución" que supuxo para as mulleres rurais "conseguir dereitos como foi a titularidade compartida das explotacións e o que aportan elas de novidade e de empoderamento dentro das novas iniciativas do rural". Lembrou que precisamente este luns se celebra o Día Internacional da Muller Rural.

A presidenta da asociación de produtores locais A Sucadoira -que promove xunto co Concello os mercados-, Ana Díaz, tamén asistiu á festa, ao igual que o alcalde, Fernando Suárez, que lembrou os inicios desta iniciativa e defendeu as posibilidades do rural galego.

Na festa os 18 postos, na súa maioría rexidos por mulleres, ofreceron degustacións dos seus produtos e como novidade houbo outros stands convidados que tamén ofreceron aos asistentes castañas asadas ou zume de mazá elaborado no momento. Ademais, houbo un posto de plantas medicinais e cosmética natural e outro de setas e castañas. Un obradoiro de cestería cunha ducia de participantes e o concerto de Franklin Soul completaron a xornada.

Dende o Concello fan unha valoración moi positiva dos mercados, que á parte de poñer en valor os produtos hortícolas e artesanais da zona, serven aos produtores para ter un contacto directo co consumidor.

Máis en A Mariña
Comentarios