Mayoral: "Hai sucesos que fan pensar en vida despois da morte"

A escritora mindoniense publica 'El amor, la vida y el más allá' e prepara a súa entrada como académica de honra da RAG

Marina Mayoral. AEP
photo_camera Marina Mayoral. AEP

A escritora mindoniense Marina Mayoral vén de publicar El amor, la vida y el más allá (Teófilo) no que fai reflexións sobre estes tres asuntos que enfía con textos literarios e con "cousas que me pasaron a min ou a amigos meus". A obra, que presentou este xoves en Santiago, coincide co seu nomeamento como académica de honra por parte da Real Academia Galega (RAG), que terá lugar o sábado.
Na parte do libro na que Marina Mayoral reflexiona sobre a vida, hai moitas referencias á infancia e á mocidade na súa cidade natal porque "Mondoñedo vai comigo a onde eu vaia, o tempo que vivín alí é inesquecible".

"En Semana Santa había unha mesa na miña casa para que descansasen os santos que ían en procesión. Creo que nesa mesa paraba o San Xoán, que era un santo que levaban aos bares para darlle viño", lembra a novelista.

Nunha desas procesións, o cura sermoneou os fregreses chamando a atención sobre o estado penoso dun Cristo xacente.  "Un home saíu de debaixo da plataforma na que o levaban e advertiu: 'Señor cura, xa viña así dos frades'", indicou Marina Mayoral.

AMOR. A autora expón tamén a dobre visión que existe sobre o amor, pois "para uns destrúe as personas e, para outros, eleva o espírito". Entre os primeiros, citou o ourensán Benito Feijoo, "que era un monxe do século XVIII moi moderno e científico que escribiu que 'el amor es un astro fatal del que depende el destino'". Fronte a esa postura, sitúa os neoplatónicos, como Petrarca ou León Hebreo, "que din que eleva os seres".

A autora recolle tamén cartas de famosos, que son cartas de amor, de ruptura, como a enfermeira da que namorou o escritor Ernest Hemingway na primeira guerra mundial. "Deixouno por carta", concreta a narradora con ton de fascinación.

Nesa parte de El amor, la vida y el más allá inclúe unha referencia a unha carta da escritora Gertrudis de Avellaneda que dirixe a un amor que a marcou, Ignacio de Cepeda, pedindo que acoda ver á filla de ambos, porque a cativa, de sete meses, está morrendo.
Tamén lle interesa a visión do amor de contemporáneos como Pedro Salinas, "un dos grandes poetas do amor, que escribiu tres cancioneiros nos que expón a súa teoría do amor"; así como de autores como Vicente Aleixandre, Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro.

MORTE. O pasamento, e as súas consecuencias, forman a terceira parte do libro. Marina Mayoral sinala que existen "sucesos que fan pensar que hai algo despois da morte". Matiza que "non é algo cristián, nin sequera relixioso; senón algo moi galego cultura da morte, con almas de finados que vagan polo mundo e coas que existe a posibilidade de comunicarse".

A propia creadora recoñece que creu ver unha "'mujer con alcuza’ —recipiente para o aceite—, do poema de Dámaso Alonso, nunha muller perdida na noite que vai nun tren en sentido contrario".Unha experiencia "que tivo moita xente".

RAG. Marina Mayoral será nomeada académica de honra da Real Academia Galega (RAG) nunha cerimonia que comezará este sábado ás 12.00 horas na sede da institución.

A escritora apunta que a academia afirma que "é a máxima distinción para que non vive en Galicia, porque os estatutos din que só se pode ser académico de número se vives en Galicia".

Comentarios